• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O CIM da Laracha atendeu preto de 2.000 consultas no ano 2022

27/12/2022

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha é un servizo municipal gratuíto para as persoas usuarias que ten por finalidade atender as demandas e necesidades das mulleres de forma individualizada e confidencial. O centro, adscrito á Concellería Igualdade, proporciona con carácter permanente asesoramento e atención xurídica e psicolóxica, asistencia específica a vítimas da violencia de xénero, información sobre recursos e axudas e orientación profesional e para o emprego, ademais de organizar directamente programas de promoción da igualdade e iniciativas formativas e informativas sobre cuestións de interese para as mulleres.

No balance final do CIM ao longo deste ano ponse de manifesto o alto volume de actividade e, por conseguinte, o grao de coñecemento do servizo, a valoración e o seu emprego por parte da cidadanía. As cifras indican que ao longo do ano 2022 no CIM foron tramitados un total de 485 expedientes e atendidas 1.972 consultas.

Ademais, realizáronse vinte e dúas accións clasificadas en sete áreas de actuación diferenciadas. En relación á loita contra a violencia de xénero, cabe sinalar o programa de intervención con nenas e nenos vítimas, o servizo telefónico de atención e protección ás vítimas (ATENPRO) e as mesas de traballo sobre coordinación interinstucional relativas a esta temática nas que se conta coa implicación dos profesionais das distintas forzas e corpos de seguridade, dos centros de ensino e do centro médico da Laracha. Ademais, desde o CIM xestiónase o Programa Harmoniza: Conciliando na Laracha, que vén de incorporar o servizo de Canguros para a atención domiciliaria. E tamén se realizaron programas municipais de actividades para conmemorar o Día das Mulleres (8 de marzo), o Día das Mulleres Rurais (15 de outubro) e o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres (25 de novembro).

O CIM da Laracha está a disposición da cidadanía no edificio administrativo (Avenida Fisterra, 60). O seu horario de apertura é de luns a venres de 8:30 a 15:30 horas, coa excepción do xoves, que é de 8:30 a 15:00 h pola mañá e de 16:00 a 20:00 h pola tarde.