• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comezaron os cursos de alfabetización e memoria

24/10/2022

Xa están en marcha os cursos de alfabetización e memoria que o Concello oferta a persoas adultas e, especialmente, ao colectivo da terceira idade.

A boa aceptación desta proposta por parte da veciñanza larachesa vese reflectida no volume de participantes, xa que hai un total de setenta persoas inscritas nas cinco quendas do curso que se realizará ata o mes de maio en sesións semanais de dúas horas de duración.

Precisamente para favorecer a asistencia do colectivo das persoas maiores, esta é unha das propostas da programación municipal de inverno que o Concello oferta en varias localizacións, incluídas parroquias rurais aproveitando tamén a dispoñibilidades de locais municipais equipados para poder realizalas.

Hoxe comezou a desenvolverse a primeira quenda da Laracha (luns de 10:30 a 12:30 h) no edificio administrativo, a onde acudiron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, para darlles a benvida aos participantes. A segunda quenda será os mércores, co mesmo lugar e horarios. Na capital municipal hai 31 persoas anotadas.

Mañá comezará o curso de Paiosaco (martes de 10:30 a 12:30 h no centro sociocultural da Porta Santa), no que haberá 17 participantes. O xoves será a quenda para Caión (centro social, antiga reitoral, de 10:30 a 12:30 h) con 10 participantes, e tamén para Montemaior (escola de Cumiáns, 17:00 a 19:00 h), no que hai 12 persoas inscritas.

O obxectivo deste curso de alfabetización e memoria é ensinar aos alumnos coñecementos básicos de lectura, escritura e cálculo numérico, así como realizar actividades para adestrar a memoria co propósito de axudar, na medida do posible, a manter ou recuperar a capacidade de recordar.