Concello
Montemaior acollerá un obradoiro de pegadas e indicios para coñecer os mamíferos máis representativos da zona
14/10/2022
O Concello e a Asociación Ambiental Senda Nova organizan o obradoiro de pegadas e indicios sobre a presenza de animais mamíferos no bosque que se vai realizar en Montemaior o sábado da próxima semana, día 29 de outubro. A iniciativa lévase a cabo no marco do programa Espías no bosque que financia a Deputación da Coruña.
O obradoiro vai dirixido a todos os públicos, principalmente a rapaces a partir de 8 anos de idade pero estando aberta a inscrición tamén para persoas adultas. O propósito é achegar aos participantes aos bosques e ao rural empregando como ferramenta o coñecemento das pegadas dos animais máis representativos.
A xornada principiará ás 10:00 horas na escola de Cumiáns, onde se desenvolverá a parte expositiva coa proxección de imaxes de pegadas de diferentes animais acompañada con explicacións das características de cada especie. Despois do xantar -que deberá levar cada participante-, desde as 13:00 horas farase unha saída ao campo a carón do río Bradoso precisamente para procurar sobre o terreo as pegadas dos animais e evidenciar a presenza deles nos bosques laracheses. Este é o lugar escollido por contar con vexetación autóctona e gran biodiversidade a carón da canle fluvial.
A inscrición, que é gratuíta, debe formalizarse no Concello. As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de solicitude.