• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Importante avance na tramitación administrativa para a futura ampliación do parque empresarial da Laracha

16/09/2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) polo que se somete a información pública a aprobación inicial da modificación puntual número 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia.

Este anuncio é de especial relevancia para o Concello dado que dito Plan contempla, entre outros, a ampliación do parque empresarial da Laracha, iniciativa proposta ante o grao de consolidación e a dinámica de implantación de empresas que actualmente xa ocupan máis do 80 % da superficie industrial dispoñible.

A ampliación proxectada abarcaría unha superficie de 332.836 metros cadrados nunha delimitación anexa á actual zona empresarial polo linde norte, nuns terreos de topografía chan e uso maioritariamente forestal. Isto posibilitaría o aproveitamento da estrada norte do propio polígono, que serviría como vía de acceso e soporte de infraestruturas de servizo á futura ampliación co conseguinte aforro nos custos de urbanización.

A publicación de hoxe no DOG por parte do IGVS supón un importante avance na tramitación administrativa. Desde agora ábrese un período de dous meses nos que calquera persoa poderá examinar a documentación no Portal de transparencia e goberno aberta da Xunta de Galicia ou na páxina web do propio IGVS, e presentar as alegacións que considere pertinentes.

A continuación, unha vez elevada a definitiva a aprobación da modificación puntual número 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, estaríase en disposición de levar a cabo o proxecto concreto para o parque empresarial da Laracha, incluíndo a obtención dos terreos, a urbanización e, por último, a comercialización das parcelas para usos industriais.