• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

COMEZAN OS OBRADOIROS DE PREVENCIÓN QUE O CIM IMPARTIRÁ NOS CENTROS DE ENSINO MUNICIPAIS

21/11/2016

O Concello da Laracha, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), comezou a desenvolver nos centros de ensino os obradoiros de promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Os contidos a abordar foron previamente consensuados polo goberno local, técnicos municipais e representantes dos colexios da Laracha, Paiosaco e Caión e do IES Agra de Leborís. Están recollidos nunha unidade didáctica organizada en tres bloques: identificación e dominación das emocións, autoestima e uso responsable das redes sociais e da Internet.  

A finalidade xeral é promover a adquisición de valores e o desenvolvemento de actitudes conducentes á igualdade de trato e de oportunidades entre os alumnos, así como a prevención das condutas violentas en relación ao xénero. Outros obxectivos específicos do programa céntranse en dotar aos participantes de habilidades para identificar os factores de risco ante unha situación violenta, ofrecer ferramentas para asegurar o bo autoconcepto e a sensibilización para o reparto xusto de tarefas.  

Durante os próximos dous meses, ata as vacacións de Nadal, os 190 alumnos de 5º e 6º de primaria participarán, en horario escolar, nestes obradoiros. Cada aula realizará seis sesións en total dunha hora de duración cada unha. A metodoloxía caracterizarase pola participación activa do alumnado (por medio de xogos e o emprego de material audiovisual), pero tamén pola súa reflexión crítica, o que permite facer dos obradoiros unhas experiencias dinámicas e lúdicas.  

Unha vez rematada esta unidade didáctica nos colexios, despois das vacacións de Nadal impartiranse obradoiros de similares características -pero adaptados ás correspondentes idades- no IES Agra de Leborís nos que participarán os 284 alumnos de secundaria.  

Á marxe deste programa, cabe lembrar que o 25 de novembro, con motivo da conmemoración do Día Internacional para e eliminación da violencia contra as mulleres, o Concello da Laracha volverá organizar a Festa da Igualdade, consistente nunha xornada de convivencia na que participarán alumnos de 5º e 6º de primaria dos tres colexios. Realizaranse actividades lúdicas e xogos cooperativos relacionados co respecto, a corresponsabilidade, a igualdade de oportunidades e a tolerancia cero coa violencia.  

Ademais, o Concello da Laracha ten previsto acoller durante o actual curso escolar outras actividades (tales como exposicións gráficas, obradoiros, etc.) nos centros de ensino a través da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia no marco da Rede de Entidades Locais en Contra da Violencia de Xénero.

Compartir: