• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concurso

O CONCELLO DA LARACHA DESENVOLVE UN AMPLO PROGRAMA EN CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO

21/11/2016

En conmemoración do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que se celebrará o venres 25 de novembro, o Concello da Laracha iniciou o desenvolvemento dun amplo programa de eventos, obradoiros e actividades relacionado con esta temática coa finalidade de mostrar a súa sensibilización con esta lacra social e concienciar a toda a poboación, especialmente aos estudantes, para evitar que poidan xurdir este tipo de condutas e que, no caso que se detecten, sexan denunciadas de xeito inmediato.  

Co propósito de chegar a todos os sectores sociais e grupos de idade, empregaranse diversas metodoloxías nas accións programadas. Ademais de obradoiros de prevención da violencia nos centros educativos e a segunda edición da Festa da Igualdade, escenificarase unha obra teatral que xirará en torno ás mulleres, haberá programación específica na aula lúdica e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) realizará unha campaña informativa e organizará unha excursión para mulleres e os seus fillos.  

Así, o propio Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres (o venres da próxima semana) o Concello da Laracha organizará e desenvolverá por segundo ano a Festa da Igualdade, na que participarán preto de douscentos alumnos de primaria dos CEIP de Caión, Otero Pedrayo da Laracha e Alfredo Brañas de Paiosaco. O evento prolongarase durante toda a mañá e entre as diversas probas e actividades a realizar nesta xornada lúdica de convivencia haberá xogos cooperativos centrados na prevención da violencia, a xestión das emocións, os bos tratos, a igualdade de oportunidades e a educación en corresponsabilidade. Aproveitarase a ocasión para presentar o videoclip que sobre esta temática están a realizar os propios alumnos nos obradoiros de prevención da violencia de xénero que comezaron a desenvolverse recentemente en horario lectivo nos colexios e que despois do Nadal se impartirán no IES Agra de Leborís.  

Tamén a aula lúdica municipal realizará unha programación específica ao longo da próxima semana con propostas relacionadas co respecto ás mulleres e a educación en corresponsabilidade. Baixo o título Sementando Igualdade, desde o luns e ata o venres haberá proxeccións audiovisuais, obradoiros, actividades e sesións de contacontos, todo adaptado ás idades dos usuarios deste servizo (nenos de entre 3 e 12 anos).  

No marco do programa Venres Teatrais, o 25 de novembro escenificarase na Casa da Cultura a obra Retrato en branco e negro da asociación coruñesa Ditirambo Teatro, que pola súa temática tamén se inclúe como actividade para conmemorar o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.  

Por outra banda, o Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Laracha instalará durante toda a semana unha mesa informativa no novo edificio administrativo sobre violencia de xénero, explicando que é, como detectala, onde dirixirse no caso de producirse e os dereitos das vítimas.  

O CIM da Laracha tamén está a traballar nunha nova edición do encontro co CIM de Arteixo que neste ano consistirá nunha excursión ás instalacións da Casa Grande de Xanceda, empresa de referencia no sector lácteo ecolóxico e radicada na localidade de Mesía. Será o día 17 de decembro e o prazo de inscrición xa está aberto.  

Salientar, por último, que en datas aínda por confirmar o Concello da Laracha acollerá a exposición Á violencia de xénero dille non, consistente nunha mostra gráfica e ilustrada dirixida principalmente á mocidade e que ten por finalidade axudar a identificar e rexeitar as condutas sexistas. Farase en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade ao estar o municipio integrado na Rede de Entidades Locais Contra a Violencia de Xénero.

Compartir: