• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O obradoiro de emprego actúa na mellora do centro sociocultural das Rañeiras

11/06/2022

A especialidade de Pintura industrial en construción do obradoiro de emprego A Laracha VII centra o seu labor desde o pasado día 30 de maio no centro sociocultural das Rañeiras, na parroquia de Lestón. A primeiros de ano xa se realizara a primeira fase da intervención, que afectou ao interior dese edificio e consistiu na preparación de soportes, lixado de portas e marcos de madeira das ventás, lacado, reparación nas zonas en mal estado e pintado das paredes, zócalos e descanso das escaleiras.

Agora, na segunda fase estase actuando no exterior, que precisaba dunha limpeza e renovación dado que se apreciaban fisuras e manchas de humidades. Trala montaxe do andamio, procedeuse ao lavado con alta presión. Nas zonas con  fisuras realizouse un selado e emplastecido con reforzo de malla de fibra de vidro. Posteriormente aplicouse pintura de caucho elástica de alta calidade. A continuación procederase a reparar os verte augas e a decorar o rodapé cun revestimento impermeable de polipedra cun ton gris.

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, acudiron ao lugar das actuacións para reunirse co persoal do obradoiro e interesarse polo desenvolvemento dos traballos.

Cabe lembrar que o obradoiro de emprego A Laracha VII conta con dúas especialidades e dez alumnos traballadores en cada unha delas. A de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais continúan realizando as prácticas nos centros de día e residenciais da Laracha, Arteixo e na Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos da Coruña,

O alumnado traballador das dúas especialidades ten completada toda a parte teórico práctica dos correspondentes certificados de profesionalidade cunhas avaliacións moi favorables dos itinerarios modulares. Antes de chegar ao final deste proxecto, o 28 de xullo, dende o equipo directivo apóiase coa confección dos seus currículos vitais e coa busca de emprego a través de diferentes vías.