• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

32 PROPOSTAS PARA ADULTOS E NENOS COMPOÑEN O PROGRAMA MUNICIPAL DE ACTIVIDADES DE INVERNO

10/10/2016

O Concello da Laracha abriu a inscrición nos diferentes cursos, obradoiros e escolas deportivas municipais que conforman a ampla oferta incluída no programa de actividades de inverno 2016/2017. En total haberá trinta e dúas propostas, das cales vinte serán para adultos e outras doce, para nenos.   

Son obxectivos esenciais deste programa o aproveitamento do tempo libre dos veciños, facilitar a práctica de actividades deportivas entre os adultos e os rapaces, favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias con nenos ao seu cargo e aprender novos coñecementos útiles para a vida diaria.   

Desde a experiencia da organización do programa en ano precedentes, no deseño do que se desenvolverá neste curso o Concello da Laracha tivo en conta a acollida das diferentes actividades en anteriores edicións, mantendo as máis exitosas, pero tamén renovando a oferta recuperando a práctica do fútbol sala, que se ofrecerá a alumnos de educación primaria. A oferta de actividades para nenos e mozos complétase con parkour (arte do movemento), baloncesto, informática, manualidades e pintura ao óleo, pequecociña, pádel, patinaxe, teatro, tiro con arco, xadrez e zumba kids. O Concello da Laracha tivo en conta a estrea neste curso da xornada única no CEIP Otero Pedrayo para adaptar os horarios das actividades.   

As persoas adultas poderán participar en cursos de aeróbic, aquagym, arte floral, bailes latinos, cociña, encaixe de palillos, informática, ioga, labores de tecido, manualidades e pintura ao óleo, memoria e alfabetización, pádel, patchwork, pilates, restauración e tapizaría, xadrez, ximnasia de mantemento e obradoiros de cupcakes e galletas, risoterapia e reciclaxe.   O Concello da Laracha comezou a desenvolver a campaña de información, promoción e divulgación deste programa de actividades, centrándose especialmente nos colexios e en diferentes instalacións municipais.   

É requisito imprescindible para poder inscribirse en calquera das actividades estar empadroados no termo municipal. Como en anos anteriores, a cota xeral de inscrición será de vinte euros por toda a duración dos cursos, podéndose aboar por transferencia ou con tarxeta bancaria no propio Concello. Haberá descontos para as persoas que se apunte en dúas ou máis actividades. Tamén existen reducións do cincuenta por cento no prezo das actividades para os menores de dezaoito anos de idade, as persoas maiores de sesenta e cinco anos, familias numerosas e aquelas familias nas que todos os membros se atopen en situación de desemprego.   

O Concello da Laracha tamén apostará nesta ocasión por descentralizar o oferta e levar determinadas actividades ás parroquiais, aproveitando a existencia de centros socioculturais e locais de titularidade municipal. Principalmente os cursos de arte floral e de ximnasia de mantemento, dúas actividades dirixidas a todos os públicos, son os que están a ter mellor acollida nas zonas rurais.   

Os programas de actividades de inverno e de verán –ademais do de Nadal, Entroido e San Isidro- que cada ano organiza o Concello da Laracha son un dos eixos da política social, deportiva e cultural desenvolvida polo equipo de goberno municipal, sendo o perfecto complemento á ampla cobertura en infraestruturas e tamén no apoio organizativo e económico que se presta aos clubs e asociacións ao longo de todo o ano.

Compartir: