Concello
O Concello organiza unha excursión a Asturias para persoas maiores de 60 anos, xubiladas e pensionistas
26/03/2022
O Concello volve organizar unha nova excursión dirixida aos veciños do municipio maiores de sesenta anos de idade, xubilados e pensionistas. Nesta ocasión a proposta é unha viaxe en autobús por diferentes localidades asturianas a realizar do 18 ao 22 de abril.
Trala saída ás 8:00 horas do 18 de abril desde a Praza do Concello, o primeiro punto de destino será Cudillero e, pola tarde, Oviedo. No día seguinte visitaranse Ribadesella, Llanes e o Santuario de Covadonga. Na terceira xornada os participantes coñecerán Avilés pola mañá e o Museo da Minería de Asturias pola tarde. O penúltimo día realizaranse visitas guiadas polas cidades de Xixón e Oviedo. Por último, o 22 de abril haberá paradas no poboado mineiro de Bustiello, en Mieres e en Luarca antes de emprender a viaxe de regreso.
Na última Xunta de Goberno Local quedou fixado en 280 euros o prezo por persoa en habitación dobre –suplemento de 88 euros para os que desexen unha habituación individual-, que inclúe o aloxamento en réxime de pensión completa (almorzo, comida e cea), guía en todas as visitas, entrada ao museo e seguro de viaxe. O Concello da Laracha subvencionará integramente o custe do transporte en autobús.
As persoas que cumpran os requisitos e desexen realizar a excursión deben inscribirse dirixíndose ao departamento de Servizos Sociais, situado no edificio administrativo da Laracha. O prazo será do martes ao xoves da próxima semana (29 a 31 de marzo).
Hai cincuenta prazas dispoñibles. No caso de que o número de persoas interesadas en participar sexa superior ás prazas ofertadas, para outorgalas realizaríase un sorteo público o día 4 de abril.
Deste xeito o Concello recupera este tipo de iniciativas que tan boa acollida tiveron nas súas primeiras edicións, pero que non se puideron organizan nos dous últimos anos por causa de pandemia do coronavirus.