• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Paiosaco e A Laracha acollerán sesións informativas sobre como aforrar na tarifa eléctrica

24/03/2022

Froito da colaboración entre o Concello e o Instituto Galego de Consumo e da Competencia, a próxima semana impartiranse na Laracha e en Paiosaco sendas sesións informativas sobre como aforrar na tarifa eléctrica.

Andrés Breijo, experto no mercado eléctrico, será o ponente en ambas xornadas. O obxectivo principal é que as persoas que asistan aprendan a comprender os formatos das tarifas, os diferentes conceptos da factura eléctrica, que coñezan as opcións de contratación que existen no mercado e adquiran pautas para optimizar os seus consumos. Tamén haberá tempo para formular preguntas e aclarar dúbidas ao respecto.

A primeira sesión será o luns 28 de marzo no centro sociocultural de Paiosaco e a segunda, o día seguinte, o martes 29 de marzo, na Casa da Cultura da Laracha. En ambos casos será a partir das 20:30 horas.

Trátase de charlas de interese xeral para a cidadanía e de máxima actualidade polas circunstancias actuais do mercado eléctrico. A asistencia para o público é libre e gratuíta.