• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Obradoiro de Emprego A Laracha VII comeza a fase práctica da formación

08/02/2022

O alumnado traballador das dúas especialidades do Obradoiro de Emprego A Laracha VII realiza as primeiras intervencións prácticas despois de completarse gran parte da aprendizaxe teórica prevista neste programa dual de formación e emprego que é organizado e financiado grazas á cooperación entre o Concello da Laracha e a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Por unha banda, a especialidade de pintura industrial en construción está a realizar unha completa intervención no pavillón Municipal da Laracha que se prolongará nos próximos días e inclúe traballos de diversas características no interior da instalación. A ese lugar desprazáronse o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, para interesarse polas actuacións e manter unha reunión coa directora do obradoiro e o mestre da especialidade de pintura. Previamente remataran cos traballos de pintura interior no centro sociocultural das Rañeiras, situado na parroquia de Lestón, intervención que se completará posteriormente coa pintura do exterior que se realizará durante a primavera aproveitando as condicións ambientais máis favorables para a realización dese tipo de traballos.

Outras actuacións previstas para ser realizadas durante os próximos meses por esta especialidade localízanse nos centros socioculturais de Golmar (Lamas) e de Vilaño (A Areosa), no campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco e nos depósitos de auga da parroquia de Caión.

Pola súa parte, a especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais tamén comezou a formación práctica na aula homologada que foi habilitada para tal efecto polo Concello no edificio administrativo da Laracha. En concreto, as alumnas traballadoras realizan prácticas centradas en aspectos como a hixiene e aseo da persoa dependente e do seu entorno, preparación da habitación da persoa usuaria, mantemento da orde e condicións hixiénicas, cambios posturais, axudas técnicas, etc.

Para facilitar o procedemento de aprendizaxe, esta fase combínase co desenvolvemento da formación teórica axeitada ao posto de traballo que van desempeñar e aos contidos establecidos nos reais decretos que regulan os certificados de profesionalidade.

O Obradoiro de Emprego A Laracha VII está en marcha desde finais de outubro e ten unha duración de nove meses.  Conta con 20 alumnos-traballadores –dez por cada especialidade- e un equipo directivo, formativo e administrativo composto pola directora, dous mestres, unha mestra/titora e unha auxiliar administrativa. Trátase do sétimo programa dual de formación e emprego que organiza o Concello da Laracha coa Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego e Igualdade. O orzamento alcanza os 347.000 que se invisten co dobre obxectivo de formar a persoas que se atopan en situación de desemprego en sectores con demanda de persoal e, tamén, realizar actuacións de interese xeral para a cidadanía.