• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

A colaboración entre Concello, Xunta, Fegamp e Seaga axilizará a xestión da biomasa nas faixas secundarias

25/01/2022

O Concello da Laracha está adherido ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública de servizos agrarios Seaga para a protección das aldeas en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. En virtude do mesmo, estableceuse un sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias ás vivendas que recolle unha serie de medidas de gran calado centradas no apoio técnico e financeiro para o desenvolvemento de intervencións preventivas de competencia municipal.

No marco deste acordo realizouse unha revisión íntegra do estado de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa na totalidade das faixas secundarias, que son as franxas de seguridade ideadas para evitar a propagación do lume, onde as persoas titulares dos terreos deberán cortar e retirar a maleza así como as especies arbóreas máis combustibles que están incluídas na Disposición Transitoria 3ª da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Entre elas, atópanse os eucaliptos, acacias, toxos, silvas, fentos e pinos.

O informe sobre o resultado da inspección elaborado polos supervisores de prevención constatou incumprimentos nun total de 849 parcelas.

De acordo coa lexislación vixente, o Concello está a dar traslado das correspondentes notificacións aos propietarios de ditas parcelas informándolles do prazo máximo de 15 días naturais para executar as actuacións oportunas, transcorrido o cal se procederá á execución subsidiaria con repercusión dos custos aos titulares dos terreos.