• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O alcalde estrea a ruta de autobús que comunica directamente A Laracha co centro da cidade da Coruña

26/02/2018

Desde o día de hoxe os autobuses do Plan de Transporte Metropolitano que cobren a ruta A Laracha-A Coruña rematan o seu traxecto no centro da cidade herculina. Trátase dunha medida impulsada pola Xunta de Galicia e os Concellos participantes no Plan que ten por finalidade mellorar o servizo e facilitar aos usuarios un transporte máis cómodo e rápido a puntos estratéxicos como a Praza de Pontevedra, Entrexardíns, Praza de Ourense, Costa da Palloza e estación de autobuses.

Nesta primeira xornada na que se realiza o novo percorrido, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela –acompañado por unha ampla representación do goberno local-, xunto ao seu homólogo en Arteixo, Carlos Calvelo, o delegado da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, e o deputado autonómico Aurelio Núñez, subíronse ao autobús para realizar a ruta e coñecer de primeira man a valoración do novo servizo por parte dos seus usuarios.

O alcalde da Laracha destacou que esta medida supón unha aposta decidida por potenciar o transporte público, que se suma aos importantes descontos no prezo do billete de autobús que se vén aplicando desde hai varios anos aos beneficiarios do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña. López Varela agarda que coa chegada dos autobuses procedentes da Laracha directamente ao centro da cidade da Coruña se dea un novo impulso para animar á cidadanía a deixar o seu vehículo particular e empregar o bus interurbano, un medio de transporte máis barato, cómodo e respectuoso co medio ambiente.

Información de interese:

Podes consultar todas as rutas e horarios aquí.

Toda a información sobre o Plan de Transporte Metropolitano aquí.