• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Caión acolleu o seminario técnico sobre museos de temática mariñeira organizado polo GALP Costa da Morte

26/10/2017

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Costa da Morte escolleu o museo do Arquivo da Pesca de Caión para levar a cabo ao longo desta mañá o seminario técnico de museos de temática mariñeira, unha iniciativa dirixida a poñer en valor a Ruta dos Faros e, tamén, a marca turística MarGalaica.

O programa comezou ás 10:00 horas coa presentación a cargo de Evaristo Lareo, presidente do GALP Costa da Morte. A continuación, José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, tras dar a benvida aos convidados e asistentes, referiuse a Caión como “a xoia do Concello” por ser a única saída ao mar, conformando “unha fonte de riqueza e de posibilidades turísticas polas súas paisaxes, a actividade pesqueira e marisqueira, a praia, as infraestruturas públicas actuais e a súa historia relacionada coa pesca”.

López Varela fixo un percorrido pola “transformación de  Caión nos últimos anos”, posible grazas ao traballo coordinado entre as diferentes administracións. Salientou que, grazas á Consellería do Mar e a Portos de Galicia, o peirao foi obxecto hai poucos anos dun proxecto de ampliación “singular, co que se creou unha nova fachada marítima e se gañou espazo para a cidadanía e para ofrecer novos servizos ás embarcacións”. E lembrou todos os proxectos impulsados polo Concello e financiados con fondos do GALP Costa da Morte e do antigo Grupo de Acción Costeira: a ampliación en 800 metros do paseo marítimo –que hoxe conta co distintivo de Sendeiro Azul- e a posta en marcha dos proxectos de promoción turística Mar de Caión e Descubre o Mar. Tamén fixo referencia á creación do propio Arquivo da Pesca promovida pola Confraría de Pescadores e ao xurdimento de iniciativas privadas xeradoras de emprego como o complexo hostaleiro Costa Caión.

Por último, López Varela informou aos presentes a “próxima ambiciosa actuación que desexamos levar a cabo en Caión”, consistente na construción dun novo edificio que será a referencia cultural, social, turística e histórica da vila. A instalación acollería a Confraría de Pescadores, a Oficina de Información Turística, mostras permanentes sobre a historia do mar en Caión e exposicións itinerantes consideradas enriquecedoras para a cidadanía. O proxecto foi presentado na última convocatoria de axudas do GALP.

A primeira quenda de intervencións rematou con Xosé Regueira, representante da Deputación Provincial da Coruña. Afirmou que teñen o “deber de colaborar co GALP e coas Confrarías” e considerou que “a Ruta dos Faros é un proxecto que debe continuar no tempo”. Por último, desexou que o seminario fose frutífero para “aprender, evitar erros e coñecer proxectos de éxito como o que permitiu a creación deste Arquivo da Pesca de Caión”.

A continuación desenvolveuse o programa previsto. A ponencia do alcalde do municipio de Lekeitio (Biscaia), Koldo Goitia Markuerkiaga, centrouse na posta en valor e na accesibilidade social da memoria mariñeira do seu concello, no que a instalación turística de maior relevancia é o Faro de Santa Catalina.

María Xosé Alfonso Torres, alcaldesa de Muros, realizou unha exposición sobre a memoria mariñeira como elemento de dinamización social. O Director do Museo do Mar de Galicia, Vicente Caramés Moreira, expuxo a investigación e conservación da memoria mariñeira desenvolvida desde o citado centro. Por último, o Director do museo do Arquivo da Pesca de Caión, Marcos Emilio Amado, e o Patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela, Basilio Otero, protagonizaron a mesa redonda sobre a responsabilidade social das Confrarías de Pescadores na salvagarda da memoria mariñeira.

O evento rematou cunha visita turística guiada pola vila de Caión e cun xantar-degustación de produtos km 0 de MarGalaica nun dos establecementos hostaleiros que forman parte dese programa.

Contacto

AYUNTAMIENTO DE A LARACHA, trata la información que nos facilita con la finalidad de posibilitar la adecuada prestación del servicio concertado, el desarrollo de acciones comerciales y la oferta y/o contratación de productos y servicios. Usted puede ejercer sus derechos en cualquier momento, solicitándolo a través de la siguiente dirección electrónica: info@concellolaracha.com. Consulte la información adicional y detallada en nuestra política de privacidad.