• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello desenvolve un programa xuvenil centrado na conservación e posta en valor do medio ambiente

11/10/2017

O Concello da Laracha e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado -dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia- desenvolverán desde mañá xoves e ata o sábado a iniciativa local dirixida á xuventude consistente nunha estadía de tres días en Cabeza de Manzaneda durante a que os quince mozos participantes conxugarán actividades de concienciación e conservación da natureza con outras de coñecemento e disfrute do medio, ademais de realizar dinámicas de difusión da lingua galega e ser formados no emprego das redes sociais e na creación de blogs.

O programa denomínase “A riqueza da natureza: hábitos saudables e compromiso da xuventude co medio ambiente e o patrimonio cultural e natural”. Centrarase na promoción dos hábitos de vida saudables e no compromiso da mocidade co medio ambiente, o patrimonio cultural e natural e o desenvolvemento económico e social respectuoso. 

Co desenvolvemento desta iniciativa o Concello da Laracha e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pretenden varios obxectivos diferentes e complementarios. Por unha banda, favorecerase a inclusión social dos mozos e promoverase a creación de espazos para a comunicación e as novas tecnoloxías. Por outro lado fomentarase a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, xa que as experiencias e o contacto directo cos profesionais poderían servir de semente para trasladar futuras propostas ao Concello da Laracha sobre a dinamización do medio rural e dos recursos naturais existentes no termo municipal.

Todas as actividades incluídas no programa inciden no compoñente educativo en áreas relacionadas co medio ambiente e as características que definen a flora e a fauna galegas, tendo en conta afondar naqueles aspectos que xeren maior interese dentro do grupo, xa que a clave é a motivación e a participación.

Este programa vai dirixido a mozos de entre 16 e 30 anos de idade. Todos os gastos -aloxamento, manutención, transporte e actividades- son asumidos polos organizadores –Concello da Laracha e Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado-, polo que é totalmente gratuíto para os participantes.

Contacto