• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello organiza un programa xuvenil centrado na conservación e posta en valor do medio ambiente

16/09/2017

O Concello da Laracha realizará a mediados do mes de outubro unha iniciativa local dirixida á xuventude que se centrará na promoción dos hábitos de vida saudables e no compromiso da mocidade co medio ambiente, o patrimonio cultural e natural e o desenvolvemento económico e social respectuoso. O proxecto é financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Este programa consiste nunha estadía de tres días durante a que os participantes conxugarán as actividades de concienciación e conservación da natureza con outras de coñecemento e disfrute do medio. Tamén realizarán dinámicas de difusión da lingua galega e serán formados no emprego das redes sociais e na creación de blogs.

Co desenvolvemento desta iniciativa o Concello da Laracha e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pretenden varios obxectivos diferentes e complementarios. Por unha banda, favorecerase a inclusión social dos mozos e promoverase a creación de espazos para a comunicación e as novas tecnoloxías. Por outro lado fomentarase a realización de actividades de educación non formal e a participación xuvenil no ámbito local, xa que as experiencias e o contacto directo cos profesionais poderían servir de semente para trasladar futuras propostas ao Concello da Laracha sobre a dinamización do medio rural e dos recursos naturais existentes no termo municipal.

Todas as actividades incluídas no programa inciden no compoñente educativo en áreas relacionadas co medio ambiente e as características que definen a flora e a fauna galegas, tendo en conta afondar naqueles aspectos que xeren maior interese dentro do grupo, xa que a clave é a motivación e a participación.

Este programa vai dirixido a mozos de entre 16 e 30 anos de idade. Todos os gastos -aloxamento, manutención, transporte e actividades- serán asumidos polos organizadores –Concello da Laracha e Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado-, polo que é gratuíto para os participantes. As persoas que desexen formar parte da iniciativa deben preinscribirse no Concello. O prazo remata o xoves 21 de setembro.