• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno aproba con carácter inicial a ordenanza do servizo Madrugadores

28/07/2017

A Corporación municipal da Laracha, reunida hoxe no pleno ordinario correspondente ao mes de xullo, acordou aprobar con carácter inicial a ordenanza reguladora do servizo de axuda á conciliación Madrugadores que comezará a ofrecerse no próximo curso escolar nos CEIP Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión no marco do Programa Harmoniza. Fíxose cos votos a favor dos grupos do goberno (PP), nacionalistas e mixto, e coa abstención dos dous concelleiros socialistas. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que, a continuación, se abrirá o período de exposición pública deste texto para que poidan presentarse as propostas oportunas dirixidas a mellorar o seu contido.

Tamén foi aprobada con carácter inicial –neste caso, por unanimidade- a nova ordenanza xeral de prezos públicos para actividades e servizos organizados, desenvolvidos e prestados polo Concello da Laracha. Este novo regulamento é necesario para facilitar o traballo administrativo ante o aumento nos contidos dos programas municipais culturais, deportivos e sociais que se desenvolven ao longo de todo o ano. Como se viña facendo, será a Xunta de Goberno quen estableza os prezos para cada unha das actividades ou servizos. 

En canto ás cuestións de índole económico, foi aprobada –coa abstención do grupo do PSOE- a transferencia de crédito 2/2017 que permitirá destinar 20.000 euros a financiar a achega municipal do servizo Madrugadores e a reforzar a aportación económica á Comisión de Festas da Laracha en 7.000 euros. López Varela sinalou que os fondos proceden “da baixa que houbo na contratación do servizo de desbroce”, recentemente adxudicado, ao mesmo tempo que agradeceu “que a nova Comisión da Laracha se puxese á fronte das festas e que organizase un bo programa en moi pouco tempo”.

Houbo unanimidade dos catro grupos políticos con representación na Corporación na aprobación da modificación ea base 20 de execución do orzamento xeral municipal. O alcalde detallou que esta cuestión permitirá reestruturar o baloncesto de base no Concello, tal e como propuxeron tanto os clubs como as escolas e os pais dos xogadores. Ata o de agora, o Club Baloncesto Laracha coordinaba as Escolas Municipais de Baloncesto –dependentes do Concello-, nas que participaron 107 nenos no último curso escolar e que continuarán funcionando nos próximos anos fundamentalmente a nivel de iniciación e ata a categoría infantil. A novidade será que o Concello  tamén comezará a subvencionar a actividade do Laracha Basket Xiria –de recente creación-, que se centrará nun nivel de baloncesto máis competitivo e de maior proxección. Neste caso, o Concello da Laracha asumirá a metade do custo de cada participante, sendo actualmente 61 os nenos inscritos. Ao longo do ano realizaranse revisións mensuais para determinar a achega municipal á entidade.

Houbo tamén pleno acordo na aprobación da bonificación do 95% no imposto sobre instalacións, construcións e obras (ICIO) á actuación de construción do ascensor no edificio de primaria do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, tal e como foi solicitado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación, promotora do proxecto, e que deberá aboar unicamente 31 euros por ese concepto. A ordenanza fiscal municipal número 17 establece a posibilidade de aplicar ese incentivo económico ás obras promovidas polas administracións públicas que teñan por finalidade a implantación de servizos de interese comunitario.

A unanimidade repetiuse na ratificación da subvención solicitada ao Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) relacionada coa mellora da eficiencia enerxética. Os proxectos presentados polo Concello da Laracha están valorados nun total de 1,2 millóns de euros e consisten no cambio de luminarias en todo o alumeado público exterior, en varios edificios municipais e nos pavillóns polideportivos.

Ademais, deuse conta á Corporación do período medio de pagamento do segundo trimestre do ano en curso -que reflicte que o Concello da Laracha cumpre estritamente cos prazos legais establecidos para o abono das facturas e das certificacións de obras- e das, aproximadamente, duascentas resolucións da Alcaldía ditaminadas desde a última sesión plenaria.

Por último, aprobouse por unanimidade a proposta do goberno local de conceder unha subvención nominativa dun máximo de 4.000 euros á Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco para colaborar nos gastos de desprazamento ao festival internacional no que participarán en Polonia  a finais de agosto. Esta cuestión foi elevada ao Pleno como unha moción urxente dado que a solicitude da entidade foi rexistrada no Concello despois da celebración das Comisións Informativas.