Concello
NESTA FIN DE SEMANA, CONCURSO A LARACHA DE TAPAS CON DEZ LOCAIS PARTICIPANTES
09/03/2017
O Concello da Laracha organiza a primeira edición do concurso A Laracha de tapas, iniciativa que se desenvolverá entre mañá venres e o domingo cos obxectivos de promocionar a restauración e os produtos locais e potenciar o turismo no municipio.
Despois das reunións mantidas entre o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, cos responsables do sector nas que se consensuou o contido do evento e se animou a formar parte da iniciativa a todos os locais de hostalería da capital municipal da Laracha, finalmente serán dez os participantes, que presentan ao concurso a seguinte relación de tapas:
- Cafetería-Chocolatería Amaulou: Fajitas de polo.
- Café-Bar Sara: Tortilla rechea.
- Restaurante-Cafetería Da Mattó: Rabo á Vaccinara.
- Café-Bar Guadalupe: Mexillóns marinados.
- Bar Manhattan Skyline: Tosta de refrito de verduras e polbo.
- O Noso Café: Asado da avoa con patacas amarelas, prebe de cogomelos e ensalada de cenoria.
- Restaurante Chousa Bella: Solombo de porco con xamón e queixo do país en follado con salsas de queixos.
- Café-Bar Mariño: Pimillao Mariño.
- Café Bar Os Catro Camiños: Roliño de porco.
- Hotel-Restaurante ABC: Mestura.
Todas as tapas son orixinais, deseñadas especificamente para este evento, e ofreceranse ao público ao prezo de 1 euro (consumición aparte) o venres (de 19:00 a 22:00 horas), sábado (de 11:30 a 15:00 horas e de 19:00 a 22:00 horas) e o domingo (de 11:30 a 15:00 horas).
A Laracha de tapas conta con dúas categorías de galardóns. O premio do xurado popular á mellor tapa está dotado con 200 euros e será decidido directamente polos clientes. Cada establecemento terá a disposición do público urnas pechadas e as papeletas para emitir as votacións, que deberán estar debidamente cubertas e contar co selo de tres locais, xa que para votar é imprescindible ter degustado tres tapas diferentes.
A categoría do xurado profesional contará cun primeiro (300 euros) e un segundo premio (250 euros). Os seus membros acudirán identificados a cada local para degustar as tapas, valorar e seleccionar as mellores creacións.
Os gañadores de ambas categorías daranse a coñecer na web municipal www.alaracha.gal e tamén nas redes sociais. En todos os casos, o acto de entrega dos premios celebrarase na Gala de Comercio que organiza a Asociación de Comercio, Servicios e Industria da Laracha coa colaboración do Concello.
Para facilitar o desenvolvemento das tres xornadas do evento A Laracha de tapas e a información que se ofrecerá ao público, o Concello distribuirá un mapa de localización de todos os establecementos participantes, indicando as tapas que se ofrecen en cada un deles e o seu emprazamento. Ademais, haberá un tren turístico que fará un percorrido continuado entre os dez locais que forman parte do evento.