• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Deportes

ASINADO O CONVENIO ENTRE O CONCELLO E O C.B. LARACHA PARA XESTIONAR AS ESCOLAS MUNICIPAIS DE BALONCESTO

15/02/2017

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e Eliseo Velo en representación do Club Baloncesto Laracha, asinaron hoxe o convenio de colaboración a través do que o club asumirá a xestión das Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto durante o actual ano 2017. Ambas entidades tamén manterán unha estreita cooperación na planificación, organización e realización das actuacións necesarias para o fomento desta disciplina deportiva nas categorías de base.

O acordo rubricado na Alcaldía establece a concesión dunha subvención nominativa de 24.000 euros –xa contemplada nos orzamentos xerais municipais- que o Concello da Laracha concede ao C.B. Laracha para financiar as retribucións do persoal técnico que está á fronte das Escolas Deportivas Municipais, que contan actualmente con cinco equipos federados en categorías de base: o infantil masculino, dous de mini basket mixto e outros dous de premini basket mixto. Ademais, en categoría pequebasket hai preto de medio centenar de nenos e nenas, polo que existe a posibilidade de federar outros tres ou catro equipos ao longo desta campaña.

En total son 107 os rapaces os que pertencen ás escolas, cunha participación feminina moi destacada. O único gasto que deben asumir os xogadores é a cota de inscrición de dez euros anuais.