Turismo da Laracha

Este percorrido pola Costa da Morte invita a coñecer as grandes lendas, crenzas, rituais e romarías mariñeiras que se suceden por todo un litoral cheo de santuarios que miran ao mar desde lugares privilexiados.

Inicio: A Laracha

Fin: Fisterra

Xornadas: 2

Km. (aprox.): 135 km.

 

Data de celebración das romarías:

-          Milagres de Caión: 8,9 e 10 de setembro

-          Santo Hadrián do Mar: domingo seguinte ao 16 de xuño

-          Nosa Señora da Barca: domingo posterior ao 8 de setembro

-          Santo Cristo de Fisterra: domingo de Pascua de Resurrección

 

Percorrido Día 1

Comeza a primeira xornada na antiga vila baleeira de Caión, onde se atopa o santuario de Nosa Señora dos Milagres.

Desde este cerro, gózase dunha inmellorable vista panorámica. A vila está rodeada por un mar bravío que parece comer a pequena península con cada tempestade. É fácil imaxinar como era a vida dos pescadores anos atrás, loitando nas súas embarcacións contra a forza do mar e do vento, na busca dunha gran balea.

A romaría de Nosa Señora dos Milagres comeza o domingo anterior ao 8 de setembro. Durante unha semana, miles de persoas chegan ao santuario desde toda a comarca para pedirlle á virxe curación ou agradecerlle a intervención divina polos favores pedidos. Centos deles van a pé, e algúns incluso continúan o seu ofrecemento dando varias voltas de xeonllos ao redor do templo do século XIX. A tradición di que a fonte é santa e milagreira para os problemas da pel, polo que, xa que estades aquí, mollade un pano na auga e despois poñédeo ao aire para que, cando seque, todos os males desaparezan. Se se realiza a visita os días de romaría, pódese ver un gran manto branco ao redor do manancial. A imaxe unicamente está no santuario durante a celebración da romaría, polo que se a visita se realiza calquera outro día do ano, haberá que baixar á vila, xa que é na igrexa parroquial onde se atopa o resto do ano.

Continúa a viaxe cara a Malpica de Bergantiños.

Máis información na seguinte ligazón: Santuarios atlánticos