Turismo da Laracha

Pan:

O pan, elaborado de xeito artesanal, de miolo esponxoso con crocante codia e sabor a trigo, destaca, tanto pola calidade dos cereais cos que se realiza, procedentes en parte da zona, como polo ulido e sabor característico das largas fermentacións.

Os cereais móense con pedras finas, resultando unha fariña fina que se mestura con isco. Tamén hai que destacar a cocción, que se realiza en fornos de leña.

A maior parte da produción distribúese polo municipio e os seus arredores (A Coruña, Arteixo, etc.)

 

Empanadas:

É un prato representativo en Galicia que se remonta no tempo, posto que, xa no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, do século XII, aparece un personaxe coméndoa. No arco dereito, dedicado ao Xuízo Final, e, concretamente nas arquivoltas, é onde aparecen os tormentos aos que son sometidos os condenados ao inferno; entre eles, o larpeiro intenta comer unha empanada mentres unha serpe lle oprime a gorxa.

A empanada é outro produto estrela da gastronomía local. As súas masas elabóranse cos mesmos cereais que o pan. Os seus recheos son os tradicionais: atún, bacallau ou carne, pero tamén os máis novos, como polbo, polo con champiñóns ou mexillóns, entre outros.

 

Polbo:

É un molusco típico de Galicia. No caso do municipio da Laracha só hai dúas embarcacións que o pescan nas súas costas. A súa elaboración máis típica é “á feira”. Pódese degustar nos establecementos da vila.

 

Percebes:

Desde a praia de Sabón (Arteixo) ata Pedra do Sal (Carballo), os percebeiros da vila de Caión arriscan a súa vida na procura do mellor percebe.

 

Congro:

Este peixe anguiliforme é pescado nas costas entre Sabón (Arteixo) e o mar de Caión.

 

Verduras e hortalizas:

O concello conta cunha ampla superficie cultivada, da que unha pequena parte correspóndese con invernadoiros. Isto permite producir non só cultivos de tempada ao aire libre, senón outras variedades que, polas condicións climáticas, non sería posible nas épocas máis complexas.

A nosa é unha horta preocupada pola sustentabilidade da contorna, da terra e do medio,  por iso estes produtos teñen unha moi boa acollida no mercado.

Hai que salientar as cebolas de Caión pola súa gran fama, hoxe máis difíciles de adquirir pola súa pequena produción.

Estes produtos da horta pódense atopar na feira de Paiosaco (primeiro e terceiro domingos do mes).

 

Outros pratos típicos de Galicia que se poden encontrar no municipio son a fabada, o cocido ou os callos. Pratos que, ademais de nos restaurantes do concello, pódense degustar tamén, a xeito de tapas, nos locais próximos á feira de Paiosaco os domingos da súa celebración.