Turismo da Laracha

A Laracha, porta de entrada á Costa da Morte, ten a auga, a salgada do océano Atlántico que baña Caión e a dos ríos que sucan o interior, entre os que destaca o Anllóns, como nexo de unión do seu amplo territorio. Dende Soandres ou Montemaior, onde se localizan as maiores altitudes, ata o nivel do mar na praia de Caión, o municipio conta con inmensidade de paisaxes e actividades para o goce dos seus visitantes.

O litoral é ideal para a práctica de deportes náuticos, entre os que destacan surf, pádel surf, kaiak, pesca ou mergullo. Conta cun espléndido porto desde o que poder saír navegar e un areal galardoado ano tras ano coa Bandeira Azul, que certifica a calidade das súas augas e servizos.

O interior destaca pola súa riqueza medioambiental, ofrecendo múltiples paseos fluviais e favorecendo a práctica de actividades deportivas como BTT, sendeirismo e tamén actividades relacionadas coa micoloxía e a ornitoloxía.