Turismo da Laracha

Acudindo á historia da comarca de Bergantiños, coñeceremos as orixes do que hoxe é A Laracha. Nalgunhas épocas, o concello aparece na primeira liña da historia da comarca debido á existencia dun importante templo beneditino na parroquia de Soandres, templo actualmente coñecido como o mosteiro de San Pedro.

Os restos históricos máis antigos que se coñecen corresponden ao período Megalítico, aínda que a maioría deles son do Neolítico, entre os que destacan o túmulo do Cruceiro (Lendo), a mámoa de Fofelle (Lestón), a mámoa da Fraga (Lendo), o túmulo funerario da Medorra (Coiro), o túmulo das Medorras na Ferreira (Montemaior), o túmulo megalítico O Forno dos Mouros en Silvoso (Soandres), a Pedra Fita do Loureiro ou Pedra do Guicho (Erboedo), a medorra do Couto de Outeiro (Montemaior), o túmulo de Carboeiro en Portela (Erboedo), a medorra do Codeso en Vilariño (Montemaior) e o túmulo das Rebuceiras (Lemaio).

Coñécese a alta densidade de poboación da Laracha na época dos castros polo importante número dos que se ten constancia. Actualmente están catalogados un total de 19 recintos castrenses distribuídos por todo o territorio: o castro da Medoña (Coiro), o castro de San Martiño de Lestón (Lestón), o castro de San Pedro de Soandres (Soandres), A Castreira (Erboedo), o castro de Fofelle (Lestón), o castro da Pena (Montemaior), o castro de Revirente (Soandres), o castro de Refoxo ou Cerqueira (Saoandres), o castro de Santa Baia (Soandres), o castro do Petón (Golmar), o castro de Condeseuso (Soandres), o castro de Gabenlle (Torás), o castro Pequeno/castro das Motas en Pereiro (Vilaño), o castro de Montesclaros (Vilaño), o castro da Condesa (Lemaio), o castro de Erboedo na Fontenla (Erboedo), o castro de Lestón (Lestón), Petón do Castro en Riotorto (Torás) e o castro da Lagarteira (Cabovilaño). Un dos máis coñecidos é o de Montesclaros (Vilaño). Outros vestixios da mesma época son os castros de Cabovilaño e Santa Baia  (este último é máis coñecido co nome de croa de Santa Baia).


Hai indicios de que poden existir restos da presenza romana. Diversos expertos coinciden en que polo termo municipal pasaba a Vía per loca maritima

Na igrexa de Santiago de Vilaño encontrouse, durante as obras de reparación no ano 1987, un miliario que data de mediados do século IV, época do emperador Magnentio e dedicado ao emperador Decentio (350–353). Actualmente atópase na sancristía da igrexa.

No mosteiro de Soandres existiu unha antiga inscrición que aludía a un templo dedicado a Hércules Xónico. A ara votiva deste edificio atópase no museo da Catedral de Santiago de Compostela.

Os capiteis prerrománicos, que se usan na actualidade como pía de auga bendita na igrexa de Santa Mariña de Lemaio, pertencen aos primeiros séculos da Idade Media.

A importancia estratéxica da parroquia de Lendo queda patente, non só porque por esta parroquia pasaba un antigo camiño medieval (“Calzada de Riba” e “Calzada de Baixo”, son algúns dos topónimos que aparecen no Catastro do marqués de la Ensenada), senón tamén porque o rei Afonso IX de León, o 28 de xuño de 1228, expide en Lendo dous diplomas. Debemos destacar que, tanto na Carta geométrica de Galicia de Domingo Fontán como nun mapa de camiños militares do ano 1814, Lendo é a única entidade de poboación reflectida no camiño entre Malpica e A Coruña.

Segundo apunta o historiador Carlos Martínez Pereira, Lendo foi unha encomenda templaria. Non é fácil saber a data exacta na que os templarios se instalaron neste lugar, pero sábese que foi con anterioridade a 1241, ano no que se redacta unha concordia entre o mosteiro de Oseira e a Orde do Temple. Neste documento aparece esta encomenda constituída, o que indica que xa levaría varios anos funcionando, incluso poderían ser un par de décadas.

Non só os eclesiásticos exerceron o señorío nas terras da Laracha. Tamén o fixeron os cabaleiros, especialmente a familia dos Mariñas, que dominou, desde o século XIV, boa parte do territorio que conforma actualmente o termo municipal.

As torres de Cillobre e os seus donos, a familia Pardo das Mariñas, xogaron un papel determinante na historia medieval e moderna da comarca. Na actualidade só queden en pé parte dos muros do pazo (cercado por unha parede de pedra), e a capela de San Roque. Diego das Mariñas, que levou o título de señor de Cillobre, foi o primeiro capitán xeral do Reino de Galicia. Ademais da familia dos Mariñas, habitaron esta casa a familia Bolaño, os Ribadeneyra, os Parragués, os Soutomaior e os Moscoso.