Lendas, Supersticións e crenzas populares
Lenda do castro de Montesclaros
O historiador Eugenio Carré Aldao narra unha lenda sobre este castro: “aquí é tradicional que a galiña cos seus pitiños saia do seu escondedoiro a véspera de San Xoán. Invariablemente, tanto á ida coma á volta, detense coa súa camada na fonte que hai ao pé do castro, polo que se coñece a esta fonte como a fonte “da Pita”. A lenda continúa falando sobre esas aves que “son perseguidas en van polos que as atopan para apoderarse delas, porque escapan ou esvaécense para aparecer de novo, atraendo en persecución va ao incauto que non se dá conta de que está fronte a un encanto que se podería desfacer tirándolle un pano, gorra ou sombreiro e dicindo “dádeme a vosa riqueza, tomade a miña pobreza””.
Lenda do castro da Pena
Di a lenda do castro que había xentís que tiraban pedras desde o alto, e había un túnel que chegaba ao convento de Soandres.
Lenda do pazo de Graxal
Conta a lenda que existía un túnel subterráneo que comunicaba o pazo coa igrexa e cunha saída á praia.
Lenda do Viso
Pegada ás torres do Viso estaba a capela de San Xosé, da que se conserva unicamente a pía, e a casa dunha condesa propietaria de practicamente todas as terras (excepto un “ferrado”, que equivale a 524m2.) desde as torres ata A Coruña. A devandita condesa paseaba coa súa barca por un encoro que existía na zona.
Lenda de Santa Marta
Conta a lenda que nos montes de Santa Marta (A Laracha) e de Santa Locaia e A Estrela (Arteixo), vivían separadas tres irmás que construíron senllas capelas coas fachadas enfrontadas para poder saudarse na distancia.
Quitar a “sombra” aos nenos
A “sombra” (ou “aire” como se denomina noutras zonas da bisbarra), xunto co mal de ollo e a envexa eran os tres inimigos máis fortes da infancia.
O ritual para quitar a “sombra” realizábaselle a aqueles nenos que, posiblemente a causa dunha enfermidade, estaban “desafiuzados” e a súa curación non era probable. Este ritual levábano a cabo tres mulleres chamadas María. Sábese que se practicaba na parroquia de Montemaior fronte á capela de Nosa Señora de Cumiáns.