Xeografía
O termo municipal da Laracha atópase no noroeste da provincia da Coruña, formando parte da comarca de Bergantiños e do xeodestino da Costa da Morte. Limita cos concellos de Carballo ao oeste, Arteixo e o océano Atlántico, ao que ten saída pola parroquia de Caión, ao norte, e Culleredo ao este xunto con Cerceda, co que limita tamén polo sur.
De forma xeográfica complexa, case triangular, presenta na súa zona norte unha especie de península situada entre os outros municipios, á que se une a través dun estreito corredor de contacto que lle permite ter acceso ao mar.
Está cruzado de este a oeste por unha serie de ríos que o dividen gradualmente e que condicionan a súa rede viaria. Destes ríos, o máis importante é o río Anllóns, que articula a metade norte do termo municipal. Na parte sur, a súa xeomorfoloxía de maior altitude e o cambio na calidade dos solos condiciona unhas parroquias de maiores dimensións e con menor densidade de poboación. O límite de inflexión vén marcado polo río Acheiro.
As altitudes son variadas, oscilando desde os 564 m. de Pedra Cedeira, a máxima altura do termo municipal, ao sur, ata ir diminuíndo progresivamente cara ao norte, chegando ao nivel do mar na praia de Caión. Sen embargo, hai que observar que desde un punto de vista morfolóxico, pódese distinguir un chanzo de altitude marcado pola cota de 300 m.
O concello é eminentemente agropecuario, con algo máis da metade da superficie case chá, que ao norte está regada frecuentemente por ríos e regachos e conta cunha grande aptitude para a agricultura e os pastos. As zonas sur e este, algo máis elevadas, están destinadas principalmente ao uso forestal. Tamén existen na zona norte actividades mineiras de carácter extractivo relacionadas coas arxilas para usos industriais de materiais refractarios, e no sueste, coa pedra de granito para a produción de gravas e balastros, así como areas de lavado.
A súa extensión é de 125,8 km2., cunha poboación de 11.295 habitantes (INE 2016), dos que 5.565 son homes e 5.730 mulleres, e que está distribuída en 13 parroquias: Cabovilaño, Caión, Coiro, Erboedo, Golmar, Lemaio, Lendo, Lestón, Montemaior, Soandres, Soutullo, Torás e Vilaño. É un municipio de tamaño medio cunha densidade de poboación baixa.
O termo municipal crúzano a autoestrada AG-55 da Coruña a Carballo e a estrada AC-552 da Coruña a Fisterra, que articulan a súa relación co resto da provincia.
Na zona este o territorio é cruzado de norte a sur pola estrada AC-400 de Carballo a Cerceda.