Turismo da Laracha

A saída e chegada será Caión, pasando pola Pedra da Furna Furada, Leira, o castro da Constenla, Casadelas, O Rapadoiro, Borrazás, o Alto das Chanceiras, a ermida dos Milagres, Cima da Vila, Augacae, A Atalaia e Caión.

Dificultade: media

Ruta deseñada por : Evaristo Rodríguez Rial (A.A. Senda Nova)

Paso a paso

Caión, unha vila mariñeira

A primeira referencia coñecida data de 1285. Nos séculos XVI e XVII tivo moita importancia a pesca da balea, e así nun documento de 1607 di que “Esta villa es puerto de mar en que se pescan cada año muchas ballenas desde Todos Santos hasta Carnestolendas, que es el tiempo de la pesca dellas”.

A praia das Salseiras é toda unha delicia para os ollos.

A comezos do século XIX a principal actividade era a pesca da sardiña, sendo a comezos do século XX o núcleo máis poboado do concello, con cerca de 500 habitantes, contando con fábricas de salgadura e posto de carabineiros. Hoxe só quedan unhas poucas casas de estilo mariñeiro.

O pazo dos condes de Graxal

É un alongado edificio situado na praza de Eduardo Vila Fano, e foi construído polos Bermúdez de Castro. Unha filla do fundador casou co conde de Grajal de Campos (León).

Era o centro de xurisdición e de pagamento de foros. Tivo cárcere, do que queda o topónimo, e dise que houbo un túnel ata a igrexa e ata a praia. Enriba da ventá central do edificio vese un escudo cos símbolos desta familia, de difícil lectura pola erosión.

Igrexa parroquial e convento dos agostiños

A parroquia foi rexentada polos monxes agostiños desde mediados do século XVI. A igrexa parroquial foi trasladada ao lugar actual, e tamén foi construído un convento anexo por unha bula papal de 1555, sendo inaugurado en 1578. Mentres non se construíu o novo templo de Santa María do Socorro , o culto oficiábase na antiga igrexa parroquial.

A fins do século XVI a nova igrexa estaba xa case acabada e decídese baixar para ela o Sacramento, e, uns anos máis tarde, os óleos e a pía bautismal. O vello templo convértese así en ermida con oficios relixiosos só durante a festividade de Nosa Señora.

A igrexa do Perpetuo Socorro é de estilo renacentista clasicista, destacando especialmente a fermosa porta que dá á praza. Nun dos laterais da igrexa hai dous escudos; un deles, dos Bermúdez e outro, coa lenda “Malo mori quam foedari” (prefiro morrer ca ser deshonrado). Do convento non queda nada.

Furna furada

Xusto nos lindes entre A Laracha e Carballo, o mar abriu unha furna á que os seus embates lle derribaron o teito.

Praia fósil en Leira

Ao lado de Leira podían verse os restos dunha praia fósil algúns metros por riba do actual nivel do mar.

O castro da Costenla

Situado a uns 200 metros ao sur de Constenla, ten forma circular, conta cun sistema defensivo de considerable altura e, nalgúns puntos, cun foso.

A casa de Benito, en Casadelas

Conta cunha porta de dúas ménsulas, unha cornixa de pedras esculpidas con rosetas, palmetas e círculos con formas propias do románico, e unha figura humana deitada.

O rapadoiro

Tiña feira, polo menos desde 1752, o segundo sábado de mes, e, máis tarde, o primeiro xoves e o venres seguinte ao terceiro domingo. A mediados do século XX foi absorbida pola de Carballo. No seu lugar, hai unha praza e un estanque.

Borrazás

Pequena aldea situada na suave aba dun monte, nunha contorna illada e moi tranquila.

Lagoa no monte das Chanceiras

Pequena lagoa que se formou pola construción dunha pista forestal que impide un adecuado drenaxe.

Ermida dos Milagres

Chamada na súa orixe Nosa Señora de Arriba, dista 2 km. de Caión. Foi a antiga igrexa parroquial ata fins do século XVI. Rematouse de reformar en 1833.

O seu retablo é neoclásico, de 1871; a fonte de 1828 e o cruceiro de 1896. Celebra a súa festa o día 8 de setembro e atrae moitísimos romeiros.

Augacae

No límite con Arteixo, o ínfimo regato de Alvite verte as súas poucas augas no mar, sendo aproveitado para mover un desaparecido muíño, do que se conserva a represa que lle servía para almacenar a auga que se necesitaba para moer.