Turismo da Laracha

Os restos históricos máis importantes desta parroquia son as torres de Cillobre, un dos emblemas da Laracha, que están representadas no escudo do concello. No medievo presidían esta fortaleza, situada xunto á capela de San Roque e Santo Antonio, pertencente ao señorío da familia de nobres dos Mariñas desde o último terzo do século XIV, e, a xulgar polos símbolos do escudo do portón de entrada (hoxe situados no pazo de Oca), habitada tamén polos Bolaño, os Ribadeneyra, os Parragués, os Soutomaior e os Moscoso. A fortificación, tras resistir non poucos ataques, foi destruída polos Irmandiños en 1460. Cos seus restos foron edificadas varias casas de labradores e construídos camiños e a ponte do Formigueiro, mentres que a torre principal foi transformada nun pazo tan sólido que, segundo o historiador Carré Aldao, os seus muros tiñan máis de dous metros de espesor.

Desde o ano 1836, tras o reparto definitivo do Partido Xudicial de Sísamo, Torás acolle a capital do concello. Anteriormente era Coiro o centro administrativo, que incluso daba nome ao municipio.

É a partir de mediados do século XIX cando A Laracha comeza a consolidarse como o núcleo de poboación máis importante do concello.

Cabe destacar a área recreativa de Gabenlle e o paseo fluvial do río Anllóns. Por último, conta con dúas igrexas, a igrexa parroquial de Santa María de Torás e a igrexa vella de Santa María de Torás.