O CONCELLO DA LARACHA ORGANIZARÁ UN NOVO PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO, CO APOIO DA XUNTA DE GALICIA.

O CONCELLO DA LARACHA ORGANIZARÁ UN NOVO PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO, CO APOIO DA XUNTA DE GALICIA.

O novo programa integrado de emprego da Laracha contará con dous orientadores laborais e un auxiliar administrativo. Terá unha duración de doce meses e vai dirixido a persoas que se atopan en situación de desemprego, dando preferencia a determinados colectivos con maiores dificultades de atopar un posto de traballo (mulleres, persoas menores de trinta anos ou maiores de corenta e cinco e desempregados de longa duración). En calquera caso, para poder participar no procedemento de selección é imprescindible estar dado de alta na oficina de emprego de referencia como demandante de emprego, xa que será o Servizo Público de Emprego quen emitirá a listaxe de candidatos entre as persoas que cumpran as condicións requiridas.

O PIE susténtase sobre as bases da información, orientación, asesoramento, formación (específica e transversal), práctica laboral, percepción empresarial, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade de emprendemento e intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e a experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, senón que tamén promove o autoemprego.

Os cen participantes, co asesoramento dos orientadores, poderán decidir realizar algunha desas sete accións formativas do  catálogo de especialidades do Servizo Público Estatal :

  • Iniciación á creación de páxinas web.
  • Desenvolvemento web para comercio electrónico.
  • Coordinación e apoio á dirección de recursos e servizos dirixidos ás persoas maiores.
  • Atención sociosanitaria a persoas dependentes con alzhéimer ou outras demencias en institucións sociais.
  • Organización de almacén.
  • Xestión loxística.
  • Mellora da xestión do stock e beneficios en comercio.

En definitiva, co PIE preténdese aproveitar as oportunidades que se presentan no termo municipal da Laracha e o seu entorno –en especial grazas ao desenvolvemento industrial que se está a rexistrar no noso municipio- en sectores con crecente demanda de perfís profesionais. Orientaranse cara eses ámbitos as accións formativas, acompañarase nos itinerarios curriculares individualizados ás persoas participantes e ofreceráselle a oportunidade de realizar prácticas en empresas colaboradoras do termo municipal para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

As persoas que estén interesadas en participar poden  inscribirse na oficina de emprego ou contactar co servicio de  emprego do concello,  situado na 1ª planta de Edificio Administrativo do Concello da Laracha (Teléfono de contacto : 981612811)

Compartir