Ruta dos muíños do río Bradoso
Área de interese natural, paisaxístico e etnográfico.
Nas inmediacións do río Bradoso existen 19 muíños. Son muíños de rodicio que empregan a forza da auga para mover as moas e producir fariña. Evolucionan desde o muíño circular manual e, ao aumentaren de tamaño, necesitaron de instrumentos mecánicos elementais situados dentro dunha construción.
Os muíños de maquía pertencían a unha soa persoa que moía para outros a cambio dunha parte ou “maquía”. Os muíños de herdeiros ou de parceiros pertencían a varios veciños en uso mancomunado.
Os bosques en galería
As ribeiras e zonas inundadas están ocupadas por bosques en galería moi beneficiosos para o sistema fluvial porque canalizan a auga, evitan a erosión das marxes, serven de refuxio e alimento á fauna silvestre, filtran o esterco e o xurro das explotacións agrarias, e melloran a calidade da auga.
As árbores máis frecuentes son o amieiro (Alnus glutinosa), sempre en charcos e cerca do curso da auga, o bidueiro (Bétula celtibérica), nas ladeiras máis altas, o salgueiro (Sálix cinérea) ou o freixo (Fraxinus angustifolia). Como especies acompañantes encóntranse o salgueiro branco (Acer pseudoplátanus), as cerdeiras (Prunus sp.) e as abeleiras comúns.
As fragas
Son bosques atlánticos húmidos e caducifolios formados maioritariamente por carballos (Quercus robur). É o bosque máis xenuíno de Galicia e está presente nas tres cuartas partes do país, sobre todo na parte atlántica. A causa das cortas de árbores quedaron relegadas en valgadas e ladeiras húmidas como é o caso do río Bradoso.
Os carballos aparecen acompañados polo estripeiro (Crataegus onogena), o sanguiño (Frángula alnus), a pereira brava atlántica (Perus cordata), o loureiro (Laurus nóbilis), o acivro (Ilex aquifolium) e o castiñeiro (Castanea sativa).