Turismo da Laracha

Parroquia: Montemaior

Dificultade: media

Distancia: 15,4 km.

Percorrido: Santa Margarida-O Igrexario.

Ruta deseñada por José Ramón Tasende Loureiro e José Manuel Menéndez para a A.A. Senda Nova en colaboración co Concello da Laracha.

Montemaior sitúase na zona alta de Bergantiños, e é unha parroquia que cae en desniveis cara ás terras altas da Laracha e de Carballo a medida que descendemos cara ao norte.

Aquí preséntanse as maiores alturas da comarca, que, a cabalo entre as eiras fértiles das zonas baixas e as terras altas de Cerceda, conservan un rico patrimonio cultural e paisaxístico. O nexo son as capelas. Un total de tres capelas, ademais da igrexa parroquial, e tamén os lugares onde antigamente existiron outras dúas construcións relixiosas que fan que nos metamos de cheo nunhas fermosas sendas que unen un excelente patrimonio relixioso, ao que se engaden castros, curtidoiros, muíños, antigas torres medievais e moitas lendas antigas ao redor desta riqueza. Ademais, isto ten como marco unha paisaxe espectacular, que domina desde o alto A Costa da Morte, e unha das romarías máis importantes da comarca: a de Santa Margarida.

Santa Margarida

Alberga unha das romarías máis importantes da Costa da Morte, que se celebra cada 20 de xullo. A importancia da capela é tal, que as xentes do lugar denomínana como a copia da igrexa parroquial de Santa María Madanela. Ata aquí chegaban os peregrinos desde puntos afastados para buscar un milagre da santa; para eles edificouse un hospital, espazo recentemente restaurado polo concello e habilitado como centro sociocultural.

A santa tiña fama de curar todos os males, aínda que foi a sarna, na última etapa de funcionamento do hospital, a máis común.

O Viso

Nesta aldea existiu unha importante torre defensiva medieval. Dise que existía unha condesa á que só lle quedaba un ferrado (524m2) de terra para que todo o territorio fose seu desde a devandita torre ata A Coruña, pero perdeu todo en enfrontamentos contra a Igrexa.

Pegada á torre do Viso estaba a capela de San Xosé, da que se conserva unicamente a pía, e a casa da condesa, así como un embalse polo que ela paseaba coa súa barca.

Castro da Pena

Consérvanse restos que probablemente pertenceran ás construcións orixinarias do castro. Posiblemente sexa a orixe da aldea da Pena.

Capela de San Roque da Pena

Situada moi cerca do castro e da aldea da Pena, é unha fermosa construción enmarcada nunha carballeira e presidida por un interesante cruceiro.

Capela de Nosa Señora de Cumiáns

É a construción relixiosa máis antiga que encontraremos na ruta. Antigamente, o último sábado de agosto e o luns de entroido, celebrábase unha romaría neste templo, tendo especial afluencia a de entroido, cando os pais levaban aos nenos para “quitarlles a sombra”.

Curtidoiro e muíño de Cumiáns de Abaixo

Muíño de auga completamente restaurado. Ao seu lado existe un antigo curtidoiro de peles, que xa figura nos inventarios de 1850 e que estivo en funcionamento cerca dun século.

Capela do Xestal

O percorrido leva ata o lugar no que antigamente se levantaba esta capela dedicada a San Bieito, e que hoxe xa non existe.

Alto da Fonte do Ouro

O lugar podería estar relacionado co prezado metal. Sitúase nos altos dun monte, sendo este o punto máis elevado de todo o percorrido.

Igrexa de Santa María Madanela

Situada no lugar do Igrexario, trátase dun templo barroco do século XVII.