Turismo da Laracha

Croa de Santa Baia ou castro de Santa Baia:

Lugar: Santa Baia

Parroquia: Soandres

Asentamento fortificado da Idade de Ferro composto por un recinto de forma tendente a “oval/rectangular” e defendido por un parapeto de terra e pedras.

 

Castro da Pena / O Petón:

Lugar: A Pena

Parroquia: Montemaior

Asentamento fortificado da Idade de Ferro; trátase dun pequeno recinto superior de forma tendente a oval, nalgunhas zonas delimitado por unha muradela de pedras.

Aséntase sobre un outeiro en esporón de 375 m. de altitude sobre o rego de Casanova, na cunca do río Viso, ao suroeste da parroquia de Montemaior. A súa situación, nas terras altas da Laracha, permítelle un amplo control estratéxico das terras dos seus arredores.

Conserva un recinto superior, a croa, pechada por un muro e denominada “Castro de Dentro”, duns 65 m. de diámetro; a defensa complétase cunha serie de terrapléns aproveitando a pendente natural cara ao río. No sur, o uso agrícola destruíu o sistema defensivo permanecendo os reveladores topónimos “O Castro” e “Agra das Muras”.



 Castro de Montesclaros:

Lugar: O Pereiro

Parroquia: Santiago de Vilaño

Asentamento fortificado da Idade de Ferro. Sitúase nun lugar estratéxico na cima do monte, a uns 215 metros sobre o nivel do mar. De forma ovalada, ten unha superficie aproximada de 1,65 ha. Pola parte norte do castro parece haber varias terrazas que poderían ampliar a superficie do castro ata as 5 ha.

A croa está rodeada por un parapeto defensivo que na súa parte nordeste ten unha caída duns 10 m. ou máis cara ao exterior, nalgúns lugares é dun metro e medio cara ao interior. Parece ter dúas entradas, unha pola zona oeste e outra pola zona sueste.

Segundo estudos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, é un dos máis grandes catalogados en Galicia.

 

Marco da Anta, Pedrafita dos Montes de Santa Locaia ou Pedra do Ghicho:

Lugar: montes de Santa Locaia, O Loureiro

Parroquia: Santa María de Erboedo

Encóntrase nos montes de Santa Locaia (373 m.), á beira dun camiño na cunca alta do río Anllóns, zona de mananciais e altimetría considerable. Está situado no límite administrativo entre o concello da Laracha, na parroquia de Erboedo e o concello de Arteixo, na parroquia de Loureda.

Trátase dun monumento megalítico. É un menhir de granito de gran groso cóncavo/convexo con tendencia ao prisma triangular, con vetas de cuarzo e feldespato e que alcanza 2,05 metros de altura, 75 cm. de ancho na base prismática e 38 cm. na punta. No extremo distal presenta un suco de 4 cm. de grosor nunha veta de cuarzo que se aproveitou para escotar a cara oeste.

Esta entalladura recorda ás que teñen algúns dos ídolos das antas de corredor, e interprétase como un trazo antropomorfo; tamén se ten entendido unha representación fálica da pedra: na cultura popular, a Pedra do Guicho ten un  marcado folclore sexual.

Na Geografía General del Reino de Galicia, provincia da Coruña, aparece recollida esta pedra por primeira vez por Carré Aldao no ano 1929. É o único menhir en pé na Costa da Morte.

 

O Forno dos Mouros de Silvoso:

Lugar: Silvoso

Parroquia: Soandres

Trátase dun túmulo megalítico do Neolítico.

 

O Forno dos Mouros das Brañas de Silvoso:

Lugar: Silvoso

Parroquia: Soandres

Trátase tamén dun túmulo megalítico do Neolítico.

 

Miliario:

Lugar: Areosa-Igrexa de Santiago de Vilaño

Parroquia: Vilaño

O historiador José Manuel Caamaño data o miliario de Vilaño no século IV, concretamente entre os anos 351 e 353. A peza presenta unha forma cilíndrica e mide 146 centímetros. Posúe unha inscrición, con letras de entre 5 e 7 centímetros, na que se pode ler unha mensaxe incompleta en latín, que podería dicir “bono rei publicae natus. Magno Decentio nobilissimo et florentissimo caesari”. Nesta inscrición lóase ao César Decentio, irmán do emperador Magneto, circunstancia estraña xa que habitualmente estaban dedicados ao emperador.

Actualmente atópase na sancristía da igrexa de Santiago de Vilaño.