Turismo da Laracha

É a parroquia máis extensa, e xunto con Montemaior, unha das máis poboadas a principios do século XX. Conta coa maior personalidade histórica da Laracha e, xeograficamente, representa a zona máis elevada do municipio.

Xunto á parroquia de Sorrizo (Arteixo) formaba unha xurisdición baixo o señorío do mosteiro de San Martiño Pinario. Anos máis tarde, esta parroquia, xunto coas outras doce, formaría parte do concello da Laracha.

Acolle restos castrenses como a croa de Santa Baia e monumentos megalíticos como o Forno dos Mouros de Silvoso e o Forno dos Mouros das Brañas de Silvoso, e enclaves de gran riqueza paisaxística como o miradoiro de Santa Marta que tamén pertence ás parroquias de Coiro e Soutullo.

Pero o protagonismo histórico da parroquia poderíaselle outorgar ao mosteiro de San Pedro de Soandres, o centro relixioso máis importante da comarca de Bergantiños. Non en van, o padre Sarmiento na súa viaxe por Galicia en 1745, describe o estado do mosteiro no seu detallado diario de viaxe.

Por último, cabe destacar a Pedra da Cabirta que é a pedra de abalar de maiores dimensións da Costa da Morte.