Turismo da Laracha

Lendo presenta unha grande importancia histórica para a comarca de Bergantiños, xa que aparece como encomenda templaria en 1241, aínda que se supón que xa levaba funcionando como tal desde principios do século XIII. Xa daquela era unha importante entidade de poboación; o 2 de xuño de 1.228, o rei Afonso IX fai unha parada apud Leedo (“xunto a Lendo”) cando se dirixía á Coruña, e expide nesta terra dous diplomas ao mosteiro de Melón.

Os templarios, monxes-soldados, asentáronse na parroquia e fixeron dela a nova sede administrativa a través da que xestionaron as propiedades que foron acumulando  na zona ao longo dos anos e que dependían directamente da bailía de Faro. Lendo era un lugar ideal pola súa posición xeográfica, máis ou menos céntrica e a escasos trinta quilómetros da Coruña, as súas boas comunicacións e a proximidade co mar.

Unha antiga vía romana atravesaba a parroquia na época medieval, e figura no Catastro que o marqués de la Ensenada elaborou a mediados do século XVIII por orde do rei Fernando VI. Lendo é, ademais, a única entidade de poboación que aparece no camiño da Coruña a Malpica no primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, elaborado en 1.845 por Domingo Fontán.

É recomendable visitar a igrexa de San Xián de Lendo, tanto polo seu canzorro de cabeza de elefante como polas cruces templarias que alberga no seu interior.