Turismo da Laracha

Situada sobre unha pequena península (494 ha.) é a única saída ao mar do municipio.

A orixe deste núcleo costeiro data da Idade Media, con asentamentos de persoas dedicadas á pesca. A mediados do século XVI chegaron a este enclave mariñeiros vascos para a caza da balea. O licenciado Molina na súa Descripción del Reyno de Galicia (ano 1550) xa falaba do porto baleeiro de Caión.

Entre mediados do século XVI e principios do XVIII, baleeiros vascos e caioneses cazaban baleas vascas (Eubalaena glacialis) na costa de Caión. A caza da balea e o seu aproveitamento xerou un importante movemento comercial, dando traballo a moita xente da vila e dos pobos veciños.

Do pasado baleeiro, só queda testemuño no escudo do concello, no que hai representado un cetáceo sucando o mar.

A principios do século XX, Caión tiña dúas fábricas de salgadura, secado e prensadura de sardiñas e bocartes principalmente; escola e posto de carabineiros. Os homes dedicábanse ao mar e as mulleres ían andando cos canastros na cabeza para vender o peixe na Coruña ou nas aldeas dos arredores. Tamén cultivaban as leiras próximas á costa, e, para regulárllela acidez, recollían as algas da praia, ricas en nitrato. Esta era parte do día a día nunha vila na que a súa actividade principal estivo sempre vinculada ao mar e aos recursos que nel había.

Recoméndase visitar o porto, a lonxa, o paseo marítimo, a praia, onde se pode gozar dun magnífico atardecer, o pazo dos condes de Graxal, a igrexa parroquial de Santa María do Socorro, o santuario dos Milagres e o Arquivo da Pesca.