Santuario dos Milagres
Lugar: O Outeiro
Parroquia: Caión
Onde agora se alza o santuario dos Milagres debeu existir unha primitiva igrexa románica, templo parroquial de Caión. O templo actual é unha construción do século XIX, de estilo barroco compostelán. En 1801 comezaron as obras baixo a dirección do mestre canteiro Juan Antonio Castro, que se prolongaron durante trinta e catro anos.
É un templo de planta rectangular, dunha soa nave e cuberta a dúas augas. Na fachada, que data de 1836, concéntrase a maior creatividade e ornamentación. Consta dunha porta con lintel, molduras e xambas. A decoración central tamén contén molduras e carece de imaxe. Dúas grandes pilastras acanaladas reciben unha cornixa con molduras e enmarcan todo o sistema de portada. Por riba, sitúase unha torre campanario composta de dous corpos: o primeiro cadrado, e o segundo octogonal con decoración xeométrica a base de círculos.
En 1835 o mestre canteiro Manuel María Nieto realizou a torre da igrexa, de estilo neoclásico. Nos dous anos seguintes colocáronse as campás, feitas en Santiago por Dámaso Dopazo. Catro anos máis tarde constrúese a sancristía e con isto finaliza a estrutura do santuario.
Á saída do santuario, á man dereita, atópase unha fonte construída no ano 1828. Posúe unha auga pura e cristalina que, segundo as crenzas populares, é milagreira.
Como só se celebran cultos neste templo durante a semana de celebración da romaría dos Milagres, a imaxe da Virxe dos Milagres permanece na igrexa de Nosa Señora do Socorro.