Turismo da Laracha

Feira de Paiosaco

Lugar: Campo da feira

Parroquia: Lestón

Paiosaco é, por excelencia, a feira do norte de Galicia.  A súa antigüidade remóntase á Idade Media e desde aquela, o mercado foi evolucionando; de celebrarse pola tarde pasou a ser matutino.

Cada quince días, o primeiro e o terceiro domingo de mes, a localidade celebra a súa tradicional feira nun recinto amplo e funcional, ben comunicado e que conta cunha superficie superior a dúas hectáreas, nas que acolle máis de 500 postos de venda, reservando ademais espazo libre para a comercialización de produtos do campo.

Na feira pódense atopar diversos produtos, destacando os gastronómicos, especialmente os galegos, ademais de roupa, calzado, flores, etc.

Hai que sinalar o labor da hostalería próxima ao recinto, onde compradores, vendedores e visitantes se reúnen para a degustación das tapas de callos, fabada, polbo ou calquera outro produto típico da gastronomía local.

 

Feira de Horticultura

Lugar: Campo da feira

Parroquia: Lestón

Promovida polo goberno local, ten un obxectivo claro: dar a coñecer e poñer en valor os produtos que se cultivan na comarca de Bergantiños e municipios limítrofes, e o recoñecemento ao traballo que desenvolven os profesionais do sector, esencial para ofertar un produto do campo diferente, fresco e de calidade.

A feira consiste na exposición e venda de produtos da horta.Pretende ser un escaparate da horta, pero tamén un foro de debate práctico da importancia do sector.

Os horticultores da comarca de Bergantiños e os amantes dos produtos de calidade, cultivados de maneira natural e sen fertilizantes químicos, danse cita neste evento.