Museos
Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte:
Lugar: O Igrexario
Parroquia: Golmar
O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, encóntrase na casa reitoral de Golmar, situada no lugar do Igrexario. É un edificio emblemático levantado no S.XIX, despois de que o Arcebispado de Santiago de Compostela puxera como condición necesaria e indispensable para outorgar a independencia como parroquia a Golmar, a construción dunha nova vivenda para o frade.
Testemuño da pertenza desta casa reitoral daquela ao mosteiro de San Martiño Pinario é o escudo que aínda se conserva na fachada, na parte superior da porta de entrada.
Por medio de fotografías, mapas, documentos, textos e pezas de muíños, pódense coñecer os diferentes tipos que existen en Galicia e diferenciar entre muíños de canle, cárcava, cubo e acea.
Para visitar gratuitamente o museo é imprescindible concertar cita previamente no Concello da Laracha chamando ao 981 605 001.
Arquivo da Pesca:
Praza de Eduardo Vila Fano s/n.
Parroquia: Caión
Tel/Fax 981 60 40 05
Web: http://arquivodapesca.org
O Arquivo da Pesca é un proxecto impulsado pola Confraría de Pescadores de Caión, para a recuperación e posta en valor do seu arquivo histórico, a dignificación do oficio dos pescadores e a divulgación da cultura mariñeira.
O Arquivo encóntrase nun edificio singular, propiedade da Confraría e construído no ano 1940. Alberga os fondos do arquivo e unha exposición permanente sobre a historia e a cultura mariñeira na vila de Caión. Conta cun espazo para actividades formativas e culturais, e a dinamización de iniciativas impulsadas pola organización.
A exposición permanente recorre a historia da vila a través da actividade pesqueira. Por medio de documentos, obxectos e paneis explicativos pódese coñecer o pasado de Caión. Desde os antigos baleeiros ata a época dourada da pesca no século XX.
Horario de apertura: no verán, os sábados de 12:00 a 14:00 h. e os domingos de 19:00 a 21:00 h. O resto do ano os domingos de 17:00 a 19:30 h. Permanece pechado do 10 de xaneiro ao 25 de febreiro.