Turismo da Laracha

Ver mapa

Lugar: O Priorato

Parroquia: Soandres

Poucos son os datos que se conservan sobre este mosteiro, situación idéntica á sufrida por outros mosteiros situados no ámbito xeográfico da Costa da Morte, onde escasean as noticias referentes ao seu pasado medieval.

Os datos conservados respecto á súa orixe parecen situar a súa fundación no primeiro cuarto do século X. Segundo o historiador López Ferreiro, consérvase nos índices do arquivo de San Martiño Pinario, un documento sobre o mosteiro de Soandres, onde viviu o bispo don Nuño, que fai referencia a unha sentenza dada no ano 922, estando en Soandres co conde Froilán Menéndez.

Lucas Álvarez atribúe a fundación do mosteiro aos pais do conde Pelaio, que realizan unha doazón a esta igrexa nun documento datado no ano 990.

Desde a súa fundación, este templo beneditino posúe unha notable importancia ao exercer influencia sobre gran parte do que hoxe coñecemos como Bergantiños.

Ata o ano 1351, e durante catro séculos, o mosteiro de Soandres estaba baixo o padroado de San Salvador. Foi daquela cando o rei de Castela, Pedro I, nunha demostración da protección que profesaba ao templo, decidiu eximilo de pagar os impostos de “yantare e colleita”. Os monxes, como mostra de agradecemento, cambiaron a dedicación do cenobio a San Pedro.

Foi a fins do século XV e principios do XVI cando o mosteiro comeza a perder privilexios debido á reforma dos Reis Católicos. O templo convértese nesta época nun priorado dependente do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, unión confirmada polo Papa Alexandre VI o 1 de outubro do ano 1500.

A vida monacal finaliza o 6 de decembro do ano 1835. O mosteiro perde as súas propiedades e a súa función limítase, desde entón, á de igrexa parroquial.

 



Hoxe en día consérvase o conxunto arquitectónico que forman a igrexa e a casa reitoral. As reformas realizadas, especialmente durante os séculos XVII e XVIII, dotárono de diferentes estilos arquitectónicos. O barroco das naves fusiónase con natural harmonía co gótico da cabeceira e cos restos románicos en elementos do muro norte do templo primitivo.

Hai que sinalar a existencia no seu interior dunha imaxe de Santa Marta en pedra policromada e de feitura rústica, procedente da antiga capela do mesmo nome, que se encontra no Coto de Santa Marta. Tamén existe outra imaxe das mesmas características que representa a Santa Lucía.

Curiosidades:

O último frade beneditino de Soandres foi don Justo Barrio Castroviejo, que recibiu sepultura nun nicho de cantaría que el mesmo mandou construír pegado aos muros da parte dereita da porta principal da igrexa. Actualmente, xa non queda vestixio algún desta sepultura, tan só unhas marcas entrantes na parede da igrexa, á dereita da porta principal, que delatan os curiosos restos da súa localización.

Antigamente, os cristiáns recibían sepultura dentro do mesmo recinto da igrexa. O último enterramento efectuado dentro da igrexa data de agosto de 1833.

O mércores 12 de agosto de 1745 o padre Sarmiento sae da Coruña cara ao mosteiro de San Pedro de Soandres. Entre as notas que vai tomando durante o seu periplo destacan: “El priorato fue Monasterio. La iglesia está muy mal tratada pero antiquísima, y se conoce que fue edificada con las piedras de las ruinas de algún edificio de los gentiles, según las señales que tienen algunas piedras que están en las escaleras y en otras partes.”

“Teniendo leído yo en el Catálogo de las Pilas del Arzobispado de Santiago, que está en la Camara de San Martín, y se hizo en el año 1604, que en Soandres al pie de la epístola había esta inscripción:  I.O.M HERKULI IONICO. Y que por visita se mandara picar por ser de gentiles. Registré ese lado y aún se reconoce la picadura, y que se cubrió de cal y embarró. Noté que muchas piedras de la iglesia tienen una o dos letras, ya góticas, o romanas”.

Neste mosteiro existía unha ara de época romana dedicada a Hércules, esta volveuse usar como base do altar e estivo situada na capela Maior, tal como escribiu o cardeal Jerónimo del Hoyo “En un altar pequeño que está arrimado al poste principal de la capilla mayor del lado de la Epístola, que tiene una piedra grande sentada sobre una basa cuadrada; paresce que la dicha basa fue arula gentiliçia por que tiene estas letras: IOM / HERKULI. IONICO. Mandose en una visita picar las dichas letras, porque no quede rastro de semejante cosa”. A devandita ara conservouse no templo ata o ano 1909, ano no que formou parte dunha exposición arqueolóxica celebrada en Santiago, lugar do que nunca regresou. Na actualidade, encóntrase no museo da Catedral de Santiago. Trátase dunha ara votiva de granito, perimétrica, con base e cornixa e con focus triangular coa presenza dunha pátera con asas.

Os altares das capelas absidais do lado da epístola e do evanxeo, atopáronse durante os traballos realizados para cambiar a pavimentación das capelas laterais, unha vez desmontados os sobancos dos retablos. Son dúas mesas de altar con cinco soportes cada unha, catro en posición angular e un en posición central, que suxeitan a táboa da mesa do altar. A atribución destas mesas como altares susténtase en que os soportes centrais que sosteñen a táboa, conteñen uns depósitos relicarios, situados nos ocos existentes no interior do propio soporte central. Na mesa do lado do evanxeo atopouse unha caixa de madeira de sección circular, na que se custodiaban envoltas nun pano vermello dúas lipsanotecas. Sen embargo, na da epístola non apareceu ningún relicario, senón que este espazo albergaba unhas cinzas. Por último, crese que estes altares serían unha obra da segunda metade do século XIV, e son unhas estruturas pétreas de cronoloxía gótica únicas en Galicia.