• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello crea un novo parque infantil na praza O Recreo

23/12/2021

Continuando co plan municipal de ampliación, mellora e renovación de parques infantís, o Concello ten en marcha actualmente os traballos de creación dunha nova infraestrutura destas características no interior da praza O Recreo da Laracha.

Este novo parque infantil contará con catro unidades de xogos -en concreto columpios, balancíns e xogos en torres con tobogán- pensados para o uso dos nenos máis cativos, dando continuidade e complementando o outro espazo xa existente desde hai anos no que hai dispoñibles xogos cooperativos doutras características. Deste xeito os elementos dispoñibles estarán adaptados aos diferentes grupos de idade dos seus usuarios. A nova zona tamén contará cun pavimento continuo de caucho para reforzar a seguridade dos nenos.

O Concello leva a cabo esta intervención para optimizar os espazos existentes na praza O Recreo, que está situada nun punto estratéxico da vila da Laracha, a carón da biblioteca municipal, Casa da Cultura e IES Agra de Leborís, ademais de ser una zona residencial que conta con varios locais comerciais e de hostalería nas súas inmediacións.

Este proxecto é financiado integramente polo Concello da Laracha con fondos propios municipais.