• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Os terreos afectados pola segunda fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo xa son de titularidade municipal

23/12/2021

O Concello vén de concluír o procedemento de expropiación dos terreos afectados pola segunda fase do plan especial de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo efectuando o pagamento aos seus propietarios e completando o levantamento das actas previas á ocupación.

O Concello investiu con fondos municipais máis de 82.000 euros na adquisición de 13.761 metros cadrados de superficie repartidos en vinte e unha parcelas e que están cualificados no Plan Xeral de Ordenación Municipal en tres clases diferentes: solo urbano, núcleo rural e solo urbanizable non delimitado. Os terreos actualmente non presentan un uso produtivo definido e están carentes de edificacións.

Dispoñer destes terreos permitirá aumentar a superficie vinculada ao CEIP Otero Pedrayo –en torno aos 12.000 metros cadrados- para equipamentos deportivos ou educativos cara o norte, en continuidade cos existentes actualmente. Tamén posibilitará mellorar os viarios de acceso desde a estrada AC-552 coa ampliación da rúa José Añón. Deste xeito darase resposta aos problemas que presenta o tráfico nesta zona en horario de saída e entrada ao centro, aumentarase a seguridade viaria ao separar as zonas para o tránsito rodado e o peonil, incrementarase o espazo para facilitar as manobras dos autobuses e habilitarase un ámbito de aparcamento para o transporte escolar.

Cabe lembrar que na primeira fase de ampliación dos equipamentos do CEIP Otero Pedrayo o Concello xa investira preto de 44.000 euros na compra dos terreos afectados polo proxecto de ampliación da estrada entre Bos Aires e As Calzadas que dá acceso ao colexio, actuación que se atopa actualmente en fase de execución e que ten un orzamento de 243.000 euros.