Concello
Seis empresas optan á adxudicación da execución do proxecto de construción do Skatepark
22/12/2021
A Mesa de Contratación do Concello da Laracha reunirase nos próximos días para proceder á apertura de plicas, valorar e clasificar as seis ofertas presentadas polas empresas licitadoras no procedemento de adxudicación do proxecto de construción do parque de patinaxe Skatepark na capital municipal, pola parte posterior do IES Agra de Leborís.
O Concello investirá 155.000 euros procedentes integramente de fondos propios municipais neste proxecto que ten por finalidade ofrecer unha nova alternativa para o ocio e a práctica deportiva especialmente dirixida ao público adolescente e xuvenil.
O Skatepark será creado nunha parcela de titularidade municipal que presenta unha superficie de novecentos metros cadrados. Disporá de diferentes tipos de planos inclinados e costas para ofrecer un amplo abano de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias para as diversas disciplinas. O pavimento será de formigón e as barandillas, de aceiro. Contará, ademais, cunha fonte de auga potable e iluminación en báculos e proxectores simétricos LED, polo que será preciso realizar as correspondentes canalizacións dos servizos de abastecemento e electricidade, ademais da recollida de pluviais para evitar a acumulación de auga de choiva na pista.
Esta nova infraestrutura complementará os espazos educativos, deportivos e culturais existentes no entorno deste lugar, xa que xunto ao Skatepark están o instituto e dúas pistas polideportivas, e nas proximidades atópanse a biblioteca, a Casa da Cultura e o complexo deportivo da piscina municipal.