• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello saca a licitación catro proxectos de mellora de estradas por un importe de 431.000 euros

18/12/2021

O Concello sacará a licitación a próxima semana catro novos proxectos de mellora da estradas de núcleos rurais e os seus servizos complementarios que suman un importe total de 431.000 euros. As obras levaranse a cabo en vías de vinte e cinco entidades de poboación de nove parroquias diferentes.

En Soandres os núcleos afectados son os de O Priorato, A Abeleira, Boimir, A Insuaboa, Currelos de Abaixo, Condesuso, Condes, As Táboas e A Ponte da Veiga, onde será mellorada a capa de rodadura das estradas.

Na parroquia de Montemaior actuarase nos núcleos de O Batalo, Bardenlos, A Ferreira, Casas Longas, O Lorteiro e Pazos, incluíndo a mellora do pavimento en todas as estrada e tamén da rede de recollida de augas pluviais nos puntos nos que así é necesario.

En Lemaio levarase a cabo unha ampla intervención que contempla a mellora da capa de rodadura de dúas vías que comunica e discorren polos núcleos de A Estrada, Tuixe de Arriba, Tuixe de Abaixo e A Barreira, e que presentan unha lonxitude total duns 5.000 metros lineais. Tamén se contempla a mellora e ampliación da rede de abastecemento de auga.

En Torás a intervención prevista corresponde á estrada no núcleo de O Campo, moi próximo ao casco urbano da Laracha, onde as obras consistirán no acondicionamento dos sobreanchos resultantes da construción de novos peches de parcelas particulares para o seu aproveitamento como espazos de aparcamento. Tamén será ampliada e mellorada a rede de recollida de augas pluviais.

Na parroquia de Cabovilaño mellorarase a vía do núcleo de Cardois, incluíndo tamén a mellora da rede de pluviais. En Caión, no núcleo de Goxán, levarase a cabo unha intervención de similares características.

En estradas dos lugares de A Painceira (parroquia de Coiro), O Campo da Porta (Lendo) e Vilanova (Vilaño) será renovada a superficie de rodadura dos vehículos.

En todos os casos os proxectos inclúen as correspondente sinalización horizontal e vertical para reforzar a seguridade viaria.