Concello
O programa de Nadal centra as súas propostas no público infantil e familiar
11/12/2021
O Concello presenta o programa de actividades que se desenvolverá durante o Nadal e que estará centrado en propostas culturais e de ocio especialmente dirixidas ao público infantil e familiar.
A programación xa comezará a próxima semana co tradicional festival de teatro infantil que se desenvolve en horario lectivo e que vai dirixido ao alumnado dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e Caión. Os días 17, 20 e 21 de decembro todos os nenos de infantil e primaria asistirán á Casa da Cultura da Laracha para presenciar a obra Os tres porquiños, de Educa Teatro.
Despois da fin de semana de Nadal principiarán os eventos dirixidos ao público en xeral que se realizarán nas vilas da Laracha, Paiosaco e Caión. En todos os casos o acceso será gratuíto ata completar o aforo máximo e requiríndose o emprego da máscara facial. As propostas son as seguintes:
-
27 de decembro. Tarde de cine: Donkey Xote. Centro sociocultural de Paiosaco, 17:30 h.
-
28 de decembro. Teatro infantil: Valente e rebelde, de Trémola Teatro. Casa da Cultura da Laracha, 17:30 h.
-
29 de decembro. Espectáculo infantil de sombras: Alén, da Asociación Teatral Paso de Valverde. Centro sociocultural de Paiosaco, 17:30 h.
-
30 de decembro. Xogos populares: Os xogos do Paporrubio. Centro comunitario de Caión, 17:30 h.
-
3 de xaneiro. Tarde de cine: Dumbo. Casa da Cultura da Laracha, 17:30 h.
-
4 de xaneiro. Tarde de cine: Nocturna, unha aventura máxica. Centro comunitario de Caión, 17:30 h.
-
8 de xaneiro. Autocine para adultos: Joker. Praza Olonne sur Mer da Laracha, 21:30 h.
Cabalgata dos Reis Magos
Os días 4 e 5 de xaneiro as súas maxestades os Reis Magos realizarán un percorrido nas súas carrozas polas rúas das trece parroquias do termo municipal. Debido á situación sanitaria actual, e do mesmo xeito que sucedeu o ano pasado, non poderá realizarse a habitual festa infantil que organizaba o Concello na véspera de Reis no pavillón do Instituto.
Concursos de Nadal
Cabe lembrar que o Concello organiza polo Nadal catro concursos dirixidos a diferentes colectivos. O certame de panxoliñas “María Angeriz Tuset” presenta unha importante novidade nesta edición, xa que por primeira vez se realizará de xeito virtual a través das redes sociais. Vai dirixido ás asociacións culturais e coros parroquiais e grupos do municipio, que nesta ocasión deberán enviar un vídeo coa súa panxoliña. Todos eles serán subidos á páxina de Facebook do Concello da Laracha o 23 de decembro, e os usuarios desa rede social poderán votar polos seus favoritos ata o 3 de xaneiro. Polo feito de participar, cada entidade ten garantida unha gratificación económica de 200 euros. Ademais, os tres vídeos con máis “gústame” por parte dos internautas gañarán premios de 400, 300 e 200 euros.
O concurso de escaparates alcanza a súa 26ª edición. Convídase a participar a todos os establecementos e locais comerciais do termo municipal que dispoñan de escaparate exterior. Repartiranse un total de 1.800 euros en premios entre as dúas modalidades: a valoración do xurado e o concurso que se realizará en Facebook. Ata o 21 de decembro permanecerá aberta a inscrición. Os cinco mellor puntuados polo xurado obterán os premios de 500, 400, 300, 200 e 100 euros respectivamente. Ademais, o concurso de Facebook contará con tres premios de 150, 100 e 50 euros a repartir entre aqueles establecementos que obteñan máis “gústames” entre o 27 de decembro e o 3 de xaneiro.
Pola súa parte, os concursos de postais e de contos van dirixidos ao alumnado dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión. En ambos casos a valoración realizarase o xoves 16 de decembro a partir das 11:00 horas na biblioteca municipal da Laracha. Os premios consistirán en xogos e material educativo.