• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello avanza no procedemento de contratación de tres proxectos de mellora da rede viaria municipal

07/12/2021

O Concello convocou unha reunión da Mesa de Contratación que se celebrará este xoves co propósito de valorar e clasificar as ofertas presentadas para avanzar no procedemento de adxudicación de tres proxectos de mellora da rede viaria municipal que suman un orzamento total de 383.000 euros.

Un deles afecta a unha única estrada da parroquia de Vilaño que presenta unha lonxitude de 2,7 quilómetros e comunica os lugares de A Ribela, Marfulo e A Piña. O presuposto é duns 144.000 euros e presentáronse quince licitadores.

O proxecto de mellora da rede viaria en núcleos das parroquias de Golmar (A Calvela e Requesende) e Erboedo (Cendón) está valorado en 108.000 e son catorce as empresas que aspiran á adxudicación do contrato.

No caso do proxecto que inclúe intervencións nas parroquias de Erboedo (núcleo de Vilarmaior e accesos a O Vilar), Coiro (accesos a Longra e O Toural), Montemaior (núcleos de Cumiáns e A Fieira) e Lestón (A Porta Santa), o investimento superará os 131.000 euros e hai presentadas once ofertas.

O mantemento en bo estado da rede viaria municipal, que supera os seiscentos quilómetros lineais de estradas, sempre foi unha cuestión prioritaria para o goberno local co propósito de ofrecer accesos rodados de calidade á totalidade dos máis de trescentos núcleos de poboación rural que existen no termo municipal.