• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)

A CONSTRUCIÓN DAS PISTAS DO PAVILLÓN DO CEIP OTERO PEDRAYO DA LARACHA, NA SÚA FASE FINAL

12/09/2016

As obras de construción das pistas do novo pavillón polideportivo do CEIP Otero Pedrayo da Laracha están actualmente na súa fase final. Desde o Concello da Laracha agárdase que as últimas actuacións previstas estean concluídas no máis breve espazo posible para poder poñer as instalacións a disposición da comunidade educativa.   O remate desta nova infraestrutura deportiva será posible despois de que neste verán, e tralo ditame favorable do Consello Consultivo, se resolvese o contrato coa empresa Unika Proyectos y Obras, SAU, á que se lle adxudicara a construción da cuberta e das gradas en xuño de 2014 por un importe de 460.268,48 euros.   

Nese momento a situación quedou desbloqueda e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puido adxudicar no pasado mes de agosto a obra correspondente á construción da pista do pavillón á empresa larachesa Construcciones J. Esmorís e Hijos por unha cantidade próxima aos 60.000 euros. Precisamente son estes os traballos que se están executando actualmente.   

Deste xeito o CEIP Otero Pedrayo da Laracha, o centro de ensino de maior entidade do municipio por superficie de volume de alumnos, contará co seu propio polideportivo cuberto, que alcanzará os 1.400 metros cadrados de superficie pechada incluíndo a pista, bancadas, vestiarios, aseos, almacéns e o acceso que comunicará a nova instalación directamente co edificio de primaria.   

Ademais das obras no pavillón, o Concello da Laracha levou a cabo outra serie de actuacións para a posta a punto do colexio ante o inminente inicio do curso escolar. Como labores de mantemento, salientar a limpeza integral das instalacións –no interior e no exterior dos edificios-, traballos eléctricos, de fontanería e de pintura e reparacións en determinadas zonas das cubertas.   

O goberno local tamén destinou 21.000 euros á pavimentación do interior do centro, obras que xa están actualmente rematadas.

Compartir: