• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O cuarto evento do programa europeo centrado na crise migratoria, liderado polo Concello da Laracha, estase a celebrar en Croacia

01/12/2021

As localidades croatas de Zagreb e Gornja Rijeka están a acoller o cuarto evento do proxecto Strengthening a Europe of solidarity in times of migration (Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración) que lidera o Concello da Laracha e conta cun total de 20 socios –municipios e entidades- procedentes de dezanove países europeos diferentes. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa Europe for Citizens e financiada integramente pola Unión Europea. O Concello da Laracha está representado na figura do alcalde, José Manuel López Varela.

Do mesmo xeito que nos tres eventos anteriores (celebrados na Laracha, na cidade lituana de Kaunas e no municipio maltés de Qrendi), a temática céntrase en comprender a actual problemática da crise migratoria en diferentes puntos de Europa e cooperar na procura de respostas á mesma desde os valores da integración, o diálogo e a reflexión social.

A primeira das dúas xornadas das que consta o evento celebrouse onte martes en Gornja Rijeka, un municipio rural situado na zona interior. A delegación foi recibida polo seu alcalde, Darko Fistrovic. Ao longo da xornada describiuse a realidade sociocultural croata, abordouse a problemática das migracións e, ademais, a entidade neerlandesa que forma parte como socia deste programa explicou o proxecto de integración de inmigrantes que está en marcha en Almere, cidade situada no centro dos Países Baixos. Rematouse coa historia de vida dun doutor libanés Issam Dbouk que leva dez anos residindo en Croacia, país ao que chegou como refuxiado.

No día de hoxe a actividade estase a desenvolver en Zagreb. O primeiro acto foi co responsable da Comisión Europea en Croacia, Ognian Zlatev, que explicou as dificultades do país para conter as migracións debido tanto á situación xeográfica como á orografía do terreo e a ser o estado membro da UE con máis quilómetros de fronteiras. Tamén lembrou que Croacia é o membro máis novo da UE, á que se incorporou o 1 de xullo de 2013. Aproveitouse a oportunidade para animar aos diferentes países a aproveitar os fondos do programa Next Generation para transformar a súa economía.

A continuación, a delegación desprazouse ata a sede do concello de Zagreb, onde foron recibidos por Josko Klisovic, presidente da asemblea da cidade, que quixo salientar a importancia de establecer un proxecto único para controlar todas as fronteiras europeas. Así mesmo, abordáronse as estratexias locais e estatais para axudar aos inmigrantes a todos os niveis e favorecer a súa integración.

Por último, expuxéronse dúas testemuñas vitais de persoas inmigrantes plenamente integradas na sociedade croata, unha delas turca e outra, mexicana.

O proxecto Fortalecendo unha Europa solidaria en tempos de migración finalizará a mediados de xaneiro co quinto e último evento a celebrar Venecia.