• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Pleno da Corporación Municipal da Laracha, unido contra a violencia de xénero

26/11/2021

A sesión ordinaria do Pleno celebrada hoxe comezou coa lectura –por parte do alcalde, José Manuel López Varela, en nome da Corporación- dunha declaración institucional en rexeitamento da violencia de xénero rubricada polos tres grupos municipais en torno á conmemoración do Día Internacional da eliminación da Violencia Contra as Mulleres. A continuación gardáronse dous minutos de silencio en sinal de respecto ás vítimas desa problemática social e tamén ás do coronavirus.

Xa inmersos na orde do día da sesión, non se presentaron alegacións á acta anterior e deuse conta das resolucións aprobadas desde o Pleno anterior.

Por último, foron aprobadas dúas mocións. Unha delas fíxose por unanimidade dos tres grupos municipais e consistiu na adhesión á proposición non de lei aprobada polo Pleno do Parlamento de Galicia o 12 de maio de 2021 para unha mellor difusión da programación infantil e da mocidade en galego, e notificarlle o acordo á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais da Vicepresidencia de Asuntos Económicos, así como á Dirección Xeral de RTVG.

A outra moción aprobada, neste caso coa abstención do grupo do PSOE, foi para mostrar o apoio ao sector lácteo, instando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a tomar medidas para que todos os elos de cadea –especialmente, os gandeiros- cobren un prezo mínimo que cubra os custes de produción e a levar a cabo as modificacións na lexislación precisas para facilitar a constitución de organizacións de produtores lácteos axeitadas ao tamaño das explotacións galegas como mecanismo para o fortalecemento da capacidade de negociación dos gandeiros. Tamén se insta á Xunta de Galicia a impulsar campañas de concienciación dirixidas ao consumidor final sobre o papel do sector primario, reforzar a promoción dos produtos lácteos a través da marcas de garantía como Galega 100% e Leite de pastoreo de Galicia, a apoiar a demanda de base territorial dos gandeiros galegos como mecanismo de redución dos custes de alimentación e a axilizar a constitución do Observatorio Lácteo Galego.