• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

Comeza a execución do proxecto de mellora da estrada entre Bos Aires e O Pereiro

26/11/2021

As obras do proxecto de mellora da estrada que comunica os lugares de Bos Aires e O Pereiro xa están en marcha, tal e como puideron comprobar o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, nunha visita realizada hoxe ao lugar das Calzadas, o primeiro punto de intervención.

A empresa Construcciones López Cao está a executar esta ampla e completa actuación contemplada no Plan especial de equipamentos educativos do CEIP Otero Pedrayo, xa que facilitará os accesos ao colexio de maior entidade do termo municipal tanto para os autobuses do transporte escolar como aos vehículos particulares e, tamén, a aquelas persoas que acoden ao centro a pé. Ademais, tamén mellorará as comunicacións cara o castro de Montes Claros e a igrexa de Vilaño.

O proxecto inclúe a ampliación da plataforma da calzada desde os 4,5 metros actuais ata os 10,60 metros que presentará unha vez finalicen as obras. Nese espazo habilitaranse un carril para cada sentido de circulación, senda peonil diferenciada e separada do ámbito para os vehículos, espazo de aparcamento nunha das marxes e arcén. En total a superficie afectada é de 8.140 metros cadrados.

Tamén se inclúen melloras na rede de pluviais e a correspondente sinalización horizontal e vertical.

O proxecto está valorado en máis de 243.000 euros e será financiado integramente con fondos propios municipais.