• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte melloran o pavillón Municipal da Laracha

23/11/2021

Froito do convenio de colaboración rubricado entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, actualmente está en fase de execución unha intervención dirixida a mellorar o interior e o exterior do pavillón Municipal da Laracha.

A fase máis laboriosa do proxecto localízase na cuberta, onde se están a substituír as placas do lucernario, ademais de aplicar unha protección con pintura para favorecer a conservación e evitar que algunhas zonas poidan verse afectadas polos temporais. Tamén están a ser cambiados os canalóns para favorecer a evacuación das augas pluviais.

Así mesmo, contémplase o repintado das ménsulas de aceiro e dos muros exteriores e as paredes interiores do polideportivo.

O investimento alcanza os 40.000 euros, dos cales 25.000 euros son achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte por medio dunha subvención nominativa. Os 15.000 euros restantes son asumidos polo Concello con fondos propios municipais.