• Praza do Concello, s/n 15145 A Laracha (A Coruña)
Concello

O Concello da Laracha organizará un novo programa integrado de emprego co apoio da Xunta de Galicia

24/11/2021

O alcalde, José Manuel López Varela, e o delegado da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, anunciaron hoxe que A Laracha desenvolverá un novo programa integrado de emprego (PIE) grazas á colaboración entre o Concello e a Consellería  de Emprego e Igualdade.

Este será o terceiro programa destas características que se vai realizar no Concello da Laracha despois dos “bos resultados no aspecto formativo e de inserción obtidos nos anos anteriores”, segundo destacou o alcalde. López Varela tamén salientou que o tipo de formación ofertada, centrada en sectores tan diversos como o comercio, a loxística e a atención sociosanitaria a persoas dependentes, son especialidades con demanda actual de traballadores cualificados. O número de participantes será de cen persoas, cun obxectivo de inserción laboral dun mínimo do trinta e seis por cento.

O delegado da Xunta apuntou que “unha das apostas máis importantes da Consellería de Emprego e Igualdade son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas das contornas o que permite unha posterior integración laboral máis alta”. Ademais, engadiu que “outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo”.

O novo programa integrado de emprego da Laracha contará con dous orientadores laborais e un auxiliar administrativo. Terá unha duración de doce meses e vai dirixido a persoas que se atopan en situación de desemprego, dando preferencia a determinados colectivos con maiores dificultades de atopar un posto de traballo (mulleres, persoas menores de trinta anos ou maiores de corenta e cinco e desempregados de longa duración). En calquera caso, para poder participar no procedemento de selección é imprescindible estar dado de alta na oficina de emprego de referencia como demandante de emprego, xa que será o Servizo Público de Emprego quen emitirá a listaxe de candidatos entre as persoas que cumpran as condicións requiridas.

O PIE susténtase sobre as bases da información, orientación, asesoramento, formación (específica e transversal), práctica laboral, percepción empresarial, habilidades sociolaborais, fomento da capacidade de emprendemento e intermediación laboral. Por tanto, non soamente procura ofrecer aos participantes os coñecementos e a experiencia precisos para acceder a un posto de traballo, senón que tamén promove o autoemprego.

Os cen participantes, co asesoramento dos orientadores, poderán decidir realizar algunha desas sete accións formativas do  catálogo de especialidades do Servizo Público Estatal :

  • Iniciación á creación de páxinas web.
  • Desenvolvemento web para comercio electrónico.
  • Coordinación e apoio á dirección de recursos e servizos dirixidos ás persoas maiores.
  • Atención sociosanitaria a persoas dependentes con alzhéimer ou outras demencias en institucións sociais.
  • Organización de almacén.
  • Xestión loxística.
  • Mellora da xestión do stock e beneficios en comercio.

En definitiva, co PIE preténdese aproveitar as oportunidades que se presentan no termo municipal da Laracha e o seu entorno –en especial grazas ao desenvolvemento industrial que se está a rexistrar no noso municipio- en sectores con crecente demanda de perfís profesionais. Orientaranse cara eses ámbitos as accións formativas, acompañarase nos itinerarios curriculares individualizados ás persoas participantes e ofreceráselle a oportunidade de realizar prácticas en empresas colaboradoras do termo municipal para aumentar as súas capacidades e, por tanto, as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

O orzamento do PIE ascende a 250.000 euros e será organizado e financiado coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.